Wednesday, December 24, 2008

INTERVENCIÓN NO “FORO SOCIAL GALEGO” NO DEBATE “POR UNHA ALTERNATIVA Ó MODELO CAPITALISTA”

Carlos Dafonte

Celebramos este Foro nun marco de crise xeral do sistema capitalista, perceptible por todos os sectores sociais, e que por primeira vez en moito tempo afecta ó conxunto do centro do sistema, ós eslavóns máis poderosos da cadea imperialista e como consecuencia, a todo o planeta e non só, como en outros momentos, á periferia; é unha etapa máis da crise que deu comezo a finais dos anos sesenta do século pasado. Podemos falar, pola extensión do capitalismo á totalidade de áreas económicas do planeta e do xeito en que afecta a todos os estadios da vida, de crise de “civilización”. Da crise da civilización burguesa.

Pensamos que ten importancia, en primeiro lugar caracteriza-la crise, distingui-lo que é fundamental do accesorio, o estrutural do conxuntural, causas, pois da caracterización da mesma dependerán, como activistas sociais ou políticos, as nosas propostas programáticas á sociedade, as nosas tarefas como movemento anticapitalista, as alianzas e o tipo de organización que necesitamos.

A crise de hoxe ten os seus inicios na segunda metade dos anos 60 do século pasado, nas recesións dos anos 67 e 69-70, que explican as mobilizacións populares, desde Francia a Xapón, de México a Italia, dos EEUU a Alemaña, resposta ó inicio do estancamento económico, inflación, desemprego etc.; situación que a suba do prezo do petróleo de principios da década dos 70, deixa ó descuberto con toda a súa crueza.

A partires desa data, numerosos economistas, sinalan a concatenación de fondas crises económicas mundiais, que as veces se poden caracterizar como recesións, nos períodos 1973-75, 1979-82, 1991, 1997-98, 2001 e a actual, que comeza a partires de 2007.

Intercaladas algunhas veces, e outras poñéndolle nome, atopámonos coa chamada crise da débeda dos primeiros anos 80, que situou na picota ó sistema monetario mundial, a do dólar de 1985, o “crac” das bolsas de 1987, a chamada “crise do tequila” de México de 1994 con todas as implicacións para a economía dos EEUU, a asiática de mediados dos 90, a de Rusia e Brasil de 1998 e a chamada das “puntocom” de principios de século. E sobrevoando sobre todas elas o estalido da burbulla financeira e inmobiliaria de Xapón de principios da década dos anos 90 do século pasado, á que non atopa saída e que fai caer á súa economía en longos períodos de deflación.

Como podemos observar é unha crise moi ampla, que afecta con ciclos moi curtos de recuperación, ás principais potencias do sistema capitalista, que ten repercusións en todo o planeta e xera, cada vez que se manifesta a onda recesiva, millóns de parad@s, marxinad@s, fament@s, tamén naqueles países que hai poucos anos eran o modelo a copiar por gozar dunha boa saúde económica, por aceptar, dicían, as recomendacións do Fondo Monetario Internacional. Refírome ós chamados “tigres asiáticos”.

As políticas de toda índole chamadas xenericamente neoliberais, teñen por obxectivo darlle pulo o proceso de acumulación, cargando sobre os traballadores e traballadoras asalariad@s todo o peso da crise, aumentando os índices de explotación, pero esquecendo a advertencia de Marx de que os límites á produción capitalista son superados “con medios que volven a levantar diante dela os mesmos límites aínda con maior forza”. Neste senso, a superación do proceso de crise actual, levará a outra máis fonda, que destruirá maior número de forzas produtivas que no período anterior.

Atopámonos pois cun futuro, en ausencia de enfrontamentos armados directos entre as grandes potencias, de crises moi fondas con períodos de recuperación moi curtos, nos que os máis poderosos van a extremar o grao de explotación e marxinación dunha parte moi importante do planeta e no propio centro do sistema capitalista, que tamén conta con centro e periferia, como pode ser a Unión Europea, propostas como a chamada Directiva Bolkestein ou a xornada de 65 horas semanais, pódense converter na realidade cotiá. Todas as consideracións anteriores e as crises ecolóxica, enerxética, alimentaria, da democracia, etc., permiten afirmar que nos atopamos diante dunha crise estrutural do capitalismo. Non é estrano que algúns falen de refunda-lo capitalismo.

Estes días estase a falar moito das causas que producen a crise; fálase de crise de sobreprodución, de crise de subconsumo; algúns chegan a dicir de que as causas están na falla de ética de determinados dirixentes financeiros, como se o capitalismo fose ético, e outros que si é o exceso de capital financeiro ou bótanlle a culpa ó propio neoliberalismo. Neoliberalismo que, como xa sinalamos, foi a receita aplicada pola grande maioría dos gobernos como solución para paliar o descenso da taxa de ganancia, e a política que permitiu a súa recuperación aínda que sexa por períodos curtos.

Porque a realidade é que ningunha das devanditas, desde o meu punto de vista, é a xénese da crise, aínda que en toda crise prodúcese subconsumo e sobreprodución. A crise é o resultado da contradición que xera o propio proceso de acumulación, contradición entre o capital que se valoriza coa explotación d@s traballador@s e a introdución constante de maquinaria que a competencia intercapitalista obrígalles a empregar para abarata-los custes. Mentres o traballo vivo, os traballadores e traballadoras, é a única fonte de plusvalor, o capitalismo leva adiante o seu proceso de acumulación tendendo a substituír man de obra por maquinaria, facendo mingua-la fonte do mesmo. Marx clasificaba a inversión que realizan os burgueses en capital variable “v”, salarios para compra-la forza de traballo, e capital constante “c”, para a compra dos outros factores. A relación entre “v” e “c” era ó que Marx chama composición orgánica do capital. Deste xeito a taxa de ganancia tende a descender conforme avanza o proceso de acumulación. A tendencia ó descenso da taxa de ganancia, é a expresión máis radical da contradición que trae consigo o desenvolvemento das forzas produtivas baixo o capitalismo.

Este é un sistema tan inxusto, pensa tan pouco no ser humano, que canto máis se progresa, cando grazas ó traballo humano, que tamén permite as mellores técnicas, é posible mellora-las condicións de vida de toda a humanidade, por estar este progreso e o froito deste traballo, en mans dos propietarios do capital, por non estar socializado, as clases dominantes, as oligarquías que dominan o planeta, conseguen que o progreso se volva contra os traballadores e traballadoras, deixando na desocupación, a precariedade, a miseria, a unha parte maioritaria da poboación do planeta, cando as condicións están creadas para poder avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

O atranco fundamental para o benestar da humanidade é o propio sistema capitalista; ese é a orixe das crises e mentres non se lle poda substituír por outro sistema, a humanidade, @s traballador@s de todo o planeta, estarán sometidos ás consecuencias das constantes crises que eles non xeran pero teñen que solucionar, con máis horas de traballo, con menor salario, con pensións máis baixas, con peores servizos públicos, con menor cobertura de paro, etc. O capitalismo nunca estará ó servizo do ser humano. Non hai máis que observa-lo planeta para comprobalo.

E non hai posibilidade algunha dunha nova “era keynesiana”, cargada de reformas, como queren facernos crer algúns. Non hai saída socialdemócrata á crise; o capitalismo precisa das políticas neoliberais para recupera-la taxa de ganancia e non hai partido nin organización política que acepte o sistema capitalista, que este disposto a levar adiante unha política distinta á que establecen os centros de poder económico.

A experiencia nos di, que na fase en que as forzas socialdemócratas foron dominantes, non se lograron reformas fondas e duradeiras na estrutura da sociedade. E coa chegada da vaga neoliberal, os antigos socialdemócratas integráronse perfectamente na nova corrente e moitas veces foron, e son na actualidade, os máis intransixentes na aplicación desas políticas. Independentemente que nestes tempos, algúns partidos tenten “vendernos” unha solución política que nos últimos anos rexeitaron, tanto cando estaban no poder como na oposición.

Nesta situación, que non é produto do noso maxín, unha utopía, que é real, os alicerces para unha acción transformadora, revolucionaria, para avanzar cara a unha nova sociedade, están creados. Nunca creouse tanta riqueza, nunca houbo tantos adiantos, e nunca tan poucos gozaron de tanto.

Considero que neste Foro Social, convocado por primeira vez en Galicia, débese ratificar dun xeito nidio o carácter anticapitalista do mesmo, e a mellor forma de levalo a cabo, non é facendo só unha declaración, senón discutindo o que para algúns sectores sociais convértese nunha demanda: que alternativa presentamos desde Galicia, fronte á realidade capitalista; non como reformamos o capitalismo para darlle unha faciana máis humana, cuestión imposible, senón de que xeito traducimos á realidade o coñecido lema “outro mundo é posible”. Conscientes de que para edificar esa nova sociedade non hai formularios nin receitas. Só experiencias, e en moitos casos, falladas, negativas.

Podémonos facer unha primeira pregunta; ¿debémoslle poñer nome a esa sociedade alternativa á sociedade capitalista?. Coido que si, aínda que o termo socialismo esta cargado de connotacións históricas non moi favorecedoras, pero mentres o capitalismo expresa a realidade de hoxe, o dominio dunha minoría, do capital, sobre a sociedade, sobre a maioría, o termo socialismo expresa o que debe se-lo poder da grande maioría, obxectivo prioritario para nos. Porque a diferencia do capitalismo onde o económico determina o resto das esferas da sociedade, e é un sistema de explotación que ten como único obxectivo conseguir beneficios para unha minoría, que oprime ó resto da sociedade no seu conxunto e o individuo como tal, na sociedade socialista o obxectivo debe ser o benestar das grandes maiorías e polo tanto non poden estar presentes nin a explotación económica, nin a opresión política e a liberdade, a igualdade e outro xeito de entende-la democracia deben se-los alicerces sobre os que se edifique.

Así pois, fronte os liberais que pulan o individualismo a privatización de todas as esferas da sociedade e polo tanto que a competitividade e a insolidariedade sexan a base de como entenden o progreso social, e os que poñen o estado como motor e centro de toda actividade económico-social e instrumento central da emancipación humana, debemos levanta-la bandeira do control pola sociedade de tódalas esferas da vida e que a transformación da mesma, sexa obra da actuación consciente, solidaria e voluntaria das persoas que compoñen esa sociedade, a traveso dunha verdadeira revolución da maioría. E quero facer fincapé na idea de que o socialismo non pode ser unha sociedade con dominio do estado, onde todas as decisións se toman nos chanzos superiores e as iniciativas corresponden ós funcionarios do goberno. A sociedade socialista ten que ser democrática e participativa.

Polo tanto socialismo debe significar expresar dun xeito distinto a como se veu facendo ata hoxe, toda unha serie de valores relativos ás relacións do home e a muller na sociedade e co medio no que viven, coa natureza, como individuo inserido na produción, na actividade política e no respecto polas diferentes culturas. Expresouno moi ben Guevara, do que se trata é da creación dun home e unha muller nov@s, dunha nova cultura e un novo tipo de sociedade, caracterizada pola ausencia de todo tipo de opresión e explotación, onde a solidariedade sexa o fundamental, a creba da división entre o poder constituinte, a sociedade, e poder constituido, os gobernantes, sexa unha realidade e a reconciliación do home e a muller, como xa sinalamos, coa natureza, un feito. O socialismo pois non é unha forma de capitalismo, un capitalismo con faciana humana como moitas veces dan a entender os que se seguen a chamar Partidos Socialistas.

Quero, aínda que sexa só para sinalalo, non vou entrar nese debate, que desde o meu punto de vista, debémoslle chamar socialismo a un proceso e non a unha etapa cara ó comunismo, e como todo proceso ten unha saída que é a vella sociedade, con todos as súas chatas e defectos e, como dicía Marx o principal defecto era a natureza dos seres humanos orixinada na antiga sociedade. Un primeiro atranco con que se van a atopar os que participen no proceso é que a maioría da sociedade non vai actuar como xa se ten dito moitas veces, como unha familia humana e se van tentar solucionar-los problemas en función dos intereses propios de cada un e cada unha.

Polo tanto o socialismo debe ser un proceso de construción e destrución; de destrución da vella sociedade e construción do home e a muller nova. E actuaremos como unha familia humana cando aceptemos que o benestar dos demais nos beneficia a todos e a todas.

Como dicía Karl Marx, hai que construir unha sociedade de produtores asociados, onde tod@ssexamos capaces de desenvolver todos os nosos potenciais creativos e o obxectivo fundamental sexa o desenvolvemento de todos os factores que ten o ser humano e onde as distintas funcións sociais, para este novo individuo, van ser diferentes modos de actividade das que se ocupará sucesivamente.

Só ca practica revolucionaria se edificará esta nova sociedade e nacerán os novos seres humanos.

Hai en resumo, que poñer fin á dinámica capitalista de producir persoas fragmentadas e parceladas e rachar dunha vez por todas ca división entre o que se fai e o que se pensa.

Pero para levar adiante toda esta serie de novos valores, é necesario plasmalos nun proxecto, que sexa recollido nun programa e chegue á sociedade a traveso dun discurso, claro, diáfano, nidio.

Algúns elementos desa nova sociedade, sen os cales non se poderá falar de avanzar cara a unha sociedade socialista, deben ser:

  1. A propiedade colectiva dos medios de produción e da banca, único tipo de propiedade que permite avanzar á sociedade a un estadio superior. Onde todos os recursos se poñan ó servizo da sociedade e non da obtención do beneficio particular. Na época do imperialismo, da transnacionalización das empresas, das deslocalizacións, esta premisa toma maior relevancia como única forma de devolver ós pobos a capacidade de decisión fronte ós grupos económicos deslocalizados que dominan o mundo.

  2. A planificación centralizada da economía, que só pode ser efectiva se os medios de produción están en mans da sociedade. Pero para que esta medida sexa eficaz, o control e a participación democrática de tod@s debe ser un feito, así como o grao de centralización do plan. É o único xeito para aproveita-lo maior número de recursos de todas as ramas da produción e no maior número de países. Os capitalistas planifican para unha minoría, as grandes empresas e uns miles de oligarcas; xa é hora de que se planifique para a maioría e pensando no seu benestar.

  3. Un novo concepto de democracia, baseado na participación e control por parte da sociedade de todos os aspectos da vida, comezando por democratiza-la produción, o control dos elixidos e a garantía dunha información veraz. O que se ven a chamar “democracia participativa”, onde coexistan formas de democracia directa e indirecta.

  4. O establecemento dunha “nova xeración” de dereitos humanos, tanto no aspecto social, cultural, das crenzas, etc., como no económico e político.

  5. A sociedade debe ir asumindo funcións do estado. Xa o dixo Marx hai moitos anos, o estado capitalista non serve para construi-la nova sociedade.

  6. Autoxestión. Só será posible co compromiso d@s traballador@s. E debemos ser conscientes que sen democracia na produción non haberá nin nova sociedade, nin o “home e a muller novos”.

    Este compromiso significa combina-la concepción do traballo coa súa execución.

E produción, na nova sociedade que se quere crear, non debe ser considerada só a actividade que se realiza na fábrica ou no centro de traballo; na nova sociedade, a diferencia da sociedade capitalista en que a produción esta orientada á obtención de beneficio individual, debe ser considerado todo o que este orientado ó autodesenvolvemento da persoa, e só a traveso dun proceso en que estean involucradas nas tomas de decisións que lles afectan, as metas da produción poden ser asumidas como as metas do pobo.

E para ir finalizando unha longa cita de Lebowitz: “No mundo que queremos construir hai toda unha serie de características e relacións que coexisten simultaneamente e apóianse entre si. A toma de decisións democráticas no traballo, substituíndo á dirección e a supervisión capitalista; a dirección democrática nas metas de actividade por parte da comunidade, no lugar da dirección capitalista; a produción co propósito de satisface-las necesidades, no lugar do obxectivo da ganancia privada; a propiedade común dos medios de produción, en lugar da propiedade individual ou dun grupo;unha forma de goberno democrática, participativa e protagónica, en vez dun estado todopoderoso e por enriba da sociedade; a solidariedade baseada no recoñecemento da nosa común humanidade, en vez da orientación cara ó interese persoal; o enfoque cara o desenvolvemento do potencial humano, en lugar de cara a produción de bens. Todas estas características son parte dun novo sistema orgánico: a verdadeira sociedade humana.

E por último, algunhas reflexións sobre o suxeito revolucionario. A manifestación con moita forza nos últimos anos, de toda unha serie de movementos sociais, ó tempo que os partidos da esquerda anticapitalista, que recollían en grande medida os intereses obxectivos dos traballador@s asalariad@s entraban nunha fonda crise, abriu as portas a toda unha serie de reflexións sobre as contradicións fundamentais no capitalismo actual e polo tanto o cambio no suxeito revolucionario; pasouse de analizar este cambio en función de intereses de clase social, que clase ou capas sociais son as máis interesadas en poñer fin ó sistema capitalista e van esta-la fronte do proceso, das mobilizacións e disposta ós maiores sacrificios para que ese cambio se produza, a facelo en función de movementos sociais, interclasistas, que hoxe teñen determinada capacidade para mobilizar sectores da poboación.

Desde o meu punto de vista, e a situación na que estamos inmersos, penso o ratifica, a contradición capital-traballo segue a se-lo eixo central, o centro, a que ocupa o lugar preeminente no capitalismo globalizado, no imperialismo. @s traballador@s asalariad@s son a grande maioría da sociedade, e dentro desta clase o núcleo duro da mesma, a clase obreira, o traballador e traballadora da industria, os máis interesad@s en poñerlle fin a unha situación que lles fai cargar co peso da crise que outros xeran, e que cando se produce unha etapa de expansión é a quen se lle obriga tamén ós maiores sacrificios para que esta dure o máximo posible. Pero hai que aceptar que a clase traballadora sufriu transformacións, que sempre se producen cando varía a composición orgánica do capital. Pero tan clase traballadora é o que traballa como o que non o fai, ou se lle obriga a converterse, en determinadas circunstancias, en autónomo.

Polo tanto o proceso cara o socialismo precisa que o máis axiña posible, se recompoña a esquerda e dentro da mesma o seu eixo fundamental, o movemento obreiro nas súas dúas vertentes, a sindical e a política; e o que coñecemos como movementos sociais terán un papel importante como aliado, de quen sen dúbida vai levar o peso das transformacións sociais, a clase traballadora.

En Galicia no mes de decembro de 2008

Posted by at 22:17:32
Comments

7 Responses to “INTERVENCIÓN NO “FORO SOCIAL GALEGO” NO DEBATE “POR UNHA ALTERNATIVA Ó MODELO CAPITALISTA””

  1. Anonymous says:

    Prezado Carlos:

    Como tu mesmo dis (“mentres o traballo vivo, os traballadores e traballadoras, é a única fonte de plusvalor, o capitalismo leva adiante o seu proceso de acumulación tendendo a substituír man de obra por maquinaria, facendo mingua-la fonte do mesmo”) a causa da crise do capitalismo é estrutural. A composiçom orgânica do capital tende a crescer e, como consequência, a reduzir-se o mais-valor unitário por cada mercadoria. Mas essa diagnose nom se corresponde com o programa que propós, no qual a medida principal é a sustituiçom do sistema de relações capitalistas de produçom actuais por outras máis justas.

    Como certas experiências revoluconária demostrarom, por modificarmos as relações sociais do modo de produçom capitalista, este nom deixa de ser um sistema de valorizaçom do valor, e portanto segue a presentar a mesma tendêmcia á crise que o sistema actual e polo mesmo motivo. Um sistema de economia planificada, se segue a ser um modo de produçom de mais-valor, embora fôr mais justa a repartiçom da riqueza, persistirá na tendência constante para reduçom da substância do valor: o trabalho abstracto. Por exemplo, seja umha sociedade que:

    ·Tem colectivizados os médios de produçom, e na qual
    ·a economia está planificada.

    Suponhamos que nela se decide, democráticamente , um plano de aumento da produçom de mercadorias para melhorar as condições de vida da populaçom, no sentido de fazer realidade todos os direitos humanos das diversas gerações (ponto 4 do teu programa) mediante o justo reparto da riqueza obtida. A renovaçom tecnológica planificada (ponto 2), mas constante, dos medios de produçom, nem contradiz o seu caráter colectivo (ponto 1), nem supõe qualqer problema para o controlo democrático da economia (ponto 3) no caminho dumha sociedade autogestionada que assumir as funções do estado (pontos 5 e 6). Mas, evidentemente, implicará um reduçom do trabalho vivo necessário para a produçom de cada elemento unitário da riqueza. Conclussom: as causas da crise seguiram, intactas, a fazer parte do modo de produçom.

  2. Anonymous says:

    Estimado compañeiro anonimo, e sen quere esgotar un debate que tan so esta nos seus comezos: cal é o alcance da atual crise capitalista?, penso que a túa critica é mecanica.
    Explicome.
    A plusvalia contida nas mercadorias é o tempo non pago do que se apropia o capitalista, … cando éste as leva o mercado, e fan parte do proceso de distribucion.
    Se ainda mantendo estos elementos na distribucion, comezas planificando a produccion a partir das resolucion das necesidades sociais e non das necesidades da acumulacion de capital (motivo ultimo dun capitalista para levar ao mercado a súa mercadoria), evidentemente estas segando a herba embaixo os pés do sistema capitalista.
    E digo que a túa interpretacion é mecanica, porque é economicista. O socialismo é unha construccion absolutamente conscente. A planificacion democrática da economia é central nesa consciencia social.
    Mais é un proceso desigual e combinado. Namentras o poder politico este en máns dos capitalistas, xa direta ou indiretamente, ningun avance haberá, por moito que se adorne de socialismo do seculo do que se queira.
    So a partir da tomada do poder pola clase obreira e os seus aliados, e sendo conscentes que o longo dun tempo a planificacion da economica -é dicer, a base para a disolucion da lei do valor (tempo de traballa socialmente necesario, que se “perecua” cando a mercadoria vai mercado)- coexistira cunhas normas de distribucion baseadas na lei do valor (quen máis ten pode ter máis).
    Esta contradiccion, que foi a que disolveu a URSS e demáis experiencias de estados obreiros, so pode resolvers dunha maneira conscente, avanzando cara a disolucion do estado, e extendendo a revolucion a nivel internacional.
    Porque este o quid da cuestion. A lei do valor, nun estado obreiro, aplicase por dous motivos, un o explicado, interno (mais en retroceso, polo peso da planificacion), dous, pola inevitable relacion do estado en cuestion co mercado mundial.
    Por iso, a revolucion mundial é unha condicon sinequenon para a vitoria do socialismo. A presion da lei do valor a nivel mundial é un perigro para todo proceso socialista.
    Estos elementos son parte desta discusion, e sobre todo agora, que a crise é mundial. Faise moi dificil pensar que un só país, illado no mundo vai sair da crise economica. A interrelacion existenta fai que os procesos, alo menos continentais, vais da man.
    Seguiremos debatindo.

  3. Anonymous says:

    Prezadx interlocutor/a, moito obrigado polo teu interesse nos meus comentários. Espero nom aborrercer se fago mais um como resposta á tua resposta.

    Qual é o alcance da actual crise? Na minha opiniom, nom é apenas umha crise estrutural ou cíclica, nem tampouco umha crise -apenas- do actual modelo de acumulação. Trata-se dumha crise sistêmica, umha crise –portanto- do modo de produçom capitalista que está próximo do seu final; umha crise no fundamento mesmo do sistema: o trabalho como substância do valor. A Terceira Revoluçom Industrial nom trouxo qualquer novo modelo de acumulaçom, mas a reduçom progressiva da importância relativa do trabalho -em relaçom com o capital- na produçom de mercadorias. Como tu próprix dis: “A plusvalia contida nas mercadorias é o tempo non pago do que se apropia o capitalista”. Quer dizer, o trabalho abstracto (o tempo) é a fonte da mais-valia. Se em virtude do estado actual da teconologia, na era da microelectrónica, o trabalho é cada vez menos necessário para a produçom de mercadorias, entom desaparece essa fonte do mais-valor. Neste sentido um crescimento progressivo do binómio productividade-consumo apresenteou-se, no final do século pasado, como soluçom para a diminuiçom, também progressiva, do trabalho necessário para a produçom de cada mercadoria. Ainda que pôr em práctiva tal soluçom exigisse financiar o consumo mediante tempo de trabalho futuro; i.e., mediante o crédito. A crise evidencia-se quando ja nom se pode disimular, por mais tempo, a desconexom entre o crédito concedido e as expectativas de geraçom de mais-valor nos praços para as devoluções. Portanto, o capitalismo ja pouca herba tem baixo os seus pés.

    Dalgum jeito entendo que, para o teu ver, a justificaçom da economia planejada é a derrogaçom da lei do valor, e a substituiçom das necessidades do modelo de acumulaçom capitalista pola necessidade social. Nom creio que se poida equacionar economia planejada e necessidade social por um lado, e lei do valor e necessidade do modelo de acumulaçom polo outro. Em relaçom com isto hai que levar em conta o seguinte:
    a) A lei do valor ja foi derrogada –no sentido de lei objectiva que se impõe á vontade dos sujeitos- polas diversas bolhas financeiras. Nom foi necessária a transiçom para o socialismo.
    b) Com a lei do valor em vigor, o valor de troca dumha meradoria é o trabalho socialmente necessário -para a produçom dessa mercadoria-, determinado a posteriori polo mercado. Portanto, o valor das mercadorias estabelece-se, também no capitalismo, em virtude da necessidade social. O que acontece é que a necessidade social no capitalismo, corresponde-se como a constituiçom social e a subjectividade predominante no capitalismo.
    c) Evidentemente, as bolhas financieiras respondem as necessidades do modelo de acumulaçom capitalista, que apenas deste jeito pode temporalmente sobreviver.

    Portanto, a questom nom é lei do valor vs. economia planejada, ou necessidade social vs. modelo de acumulaçom capitalista. A questom é subjectividade capitalista vs. emancipaçom social. O que esta crise está comezando a mostrar é que o problema já nom é acabar com o capitalismo. O problema que temos de resolver é como suplanta-lo por umha nova constituiçom social para a emancipaçom da humanidade. Estamos a viver um novo auge na procura social de autoritarismo, o agromar dum novo fascismo, que se reflicte numha série de reivindicações cada vez mais patentes na opiniom pública: um código penal mais duro, a cadeia perpétua, a supresom do autonomías, supremacia do espanhol por ser o “idioma comum”, maior disciplina nas escolas e liceus (nada de reforma pedagógica), revitalizaçom da família patriarcal, etc. Amarelismo político dos novos partidos, neo-clericalismo, organizações pseudocívicas galegófobas, homofobia rampante, racismo/islamofobia com cada vez menos complexos, etc. Em boa parte, todo isto é consequência do histerismo das auto consideradas classes medias, perante o caracter cada vez mais supéfluo –também- do trabalho baseado na “formaçom” . Em fim, nunca foi mais certo isso de “socialismo ou barbarie”.

    Nom se trata, pois, dumha crise no modo de distribuiçom. As massas de assalariadxs, vítimas da expropiaçom do seu tempo, nom se estam a erguer contra o capitalismo maduro onde este vigora; nom som a origem da crise ainda que poidam ser a soluçom. A causa deste crise está na situaçom histórica do modo de produçom capitalista, na desubstanciaçom do valor como límite imanente do capitalismo. O que se vem abaixo é o fundamento da subjectividade moderna: o trabalho (sempre abstracto) como núcleo duro da socializaçom capitalista. Consequências: crise do patriarcado/familia nuclear/imposiçom heterosexual, da arte autónoma, da vida privada, da educaçom escolar, etc. Em fim, toda umha civilizaçom em crise. E isso é o que temos que suplantar. Neste marco, obviamente, o modo de distribuiçom da riqueza também.

  4. Anonymous says:

    Agradezo os comentarios a miña intervención no Foro Social Galego;alentan unha discusión imprescindible para tod@s @s que queremos cambia-la sociedade. ¿Que sociedade queremos como alternativa á sociedade capitalista? ¿Que problemas imos atopar, como resolvelos?. A miña intervención no Foro tiña este obxectivo, abrir un debate sobre algúns aspectos da nova sociedade sobre ese “outro mundo é posible”. Conscente de que hai outro debate que ninguén inicia, o de como, chamémoslles forzas populares poden, nunha sociedade como a galega, da periferia do centro do sistema capitalista, acadar a hexemonía para dar os primeiros pasos para esa transformación necesaria.
    O primeiro comentario recolle unha frase que eu escribo, pero incompleta. Tamén afirmo: “A crise e o resultado das contradicións que xera o propio proceso de acumulación, contradición entre o capital que se valoriza coa explotación d@s traballador@s e a introdución constante de maquinaria que a competencia intercapitalista obrígalles a empregar para abarata-los custes”. Hai un proceso moi importante que intervén na tendencia ó descenso da taxa de ganancia, a competencia intercapitalista, que busca consegui-lo maior beneficio, desprazando competidores do mercado. Se eliminamos a propiedade privada dos medios de produción, eliminamos a competencia intercapitalista e polo tanto un dos elementos que xera a crise. No socialismo a crise poderá ser xerada por outros procesos pero non polo aumento da composición orgánica do capital.
    Se existe unha economía planificada estamos tamén a eliminar contradicións intercapitalistas.
    Se construímos non unha sociedade dominada por un estado que actúa de patrón d@s asalariad@s, senón como afirmou Marx una “sociedade de produtores asociados”, se lei do valor atopa distorsións, etc. Estaremos creando unha sociedade que posiblemente terá outros problemas, pero non os da sociedade capitalista e haberán desaparecido as causas da explotación.
    Non debemos esquecer que as causas da crise capitalista debémo-la atopar nas relacións que contraen os individuos no proceso de produción. O que coñecemos como socialismo, as experiencias da URSS e os países que seguiron a súa estela, que me parece que é o modelo do que fai o primeiro comentario, caracterizábase pola propiedade do estado sobre os medios de produción, planificación económica centralizada, traballo asalariado, xeralmente mal pagado. Marx e Engels deixaron claro no “Manifesto do Partido Comunista” que “a condición da existencia do capital é o traballo asalariado”; polo tanto no socialismo, que é a abolición do capital, debe traer consigo a desaparición do que é garante da súa existencia, o traballo asalariado. A miña opinión é que eses países, os chamados de “socialismo real”, non eran máis que un novo capitalismo de estado por moitos obxectivos de corte social que neles se marcaran. Debemos xulgar a un sistema non polos fines enunciados senón polo xeito de conseguilos. Os obxectivos da nova sociedade se deben conseguir con medios novos, e polo tanto se a venda da forza de traballo é o medio de explotación capitalista, non pode se-la base sobre a que se asente a nova sociedade.
    Tampouco estou de acordo, con esa especie de “teoría do derrubamento do sistema capitalista” que se pode interpretar das verbas do comentario terceiro, cando analiza a crise actual. Teoría que xorde na década dos anos vinte do século pasado, por parte de algúns economistas da IIIª internacional. O capitalismo non vai caer só por moitas crises que se produzan, hai que poñerlle fin pola acción das masas.

    Carlos D.

  5. Anonymous says:

    Compañeiros, a discusion que comezamos neste blog é a que, na miña opinion, tiña que darse no conxunto da esquerda, pois situa tres problemas centrais que no pequeno espazo dun blog non se pode profundizar, Ainda asi vou remacar o que para min é central:

    un, de balance, que foi a URSS e os estados obreiros. Se capitalismo de Estado ou estados obreiros burocráticos. Unha vella discusion nos 30, que entre outras cousas provocou unha ruptura na nacente IV Internacional, e no concreto entre Trotski e os dirixente do SWP dos USA que deu orixe a dous libros chaves de Trotski, En Defesa do Marxismo e a Revolucion Traida. O desenvolvimento de uns e outros, penso que resolveu a discusion (ainda que capitalistas de estado ainda ha na Gran Bretaña, o SWP).
    dous, e moi ligado a ista discusion: o capitalismo de Estado (é dicer, a Arxelia despois da liberacion) si basease na lei do valor; por iso é capitalismo de estado, non mudan as relacions sociais de produccion, só que o estado, pola debilidade da burguesía nacional, asume o papel de patron maior. Mentras, nun estado onde a burguesía é expropiada, e o estado comeza a traballar baixo outros criterios -a economica planificada e o monopolio do comercio exterior-, a lei do valor deixa de ser o elemento central da economia.
    É dificil sintentizar todo que foi un gran debate nos anos sesenta entre CH Battelhein e Althusser por unha banda, e Mandel e o Che por outra, sobre a aplicaciobn ou non da lei do valor na dictadura do proletariado (si falabase de Dictadura do Proletariado, porque era o estado de transicion o socialismo, no socialismo esta descartada a lei do valor, pois é lei do valor…. de cambio, non do valor de uso).
    A economia de transicion da dictadura do proletariado manten elementos da lei do valor -o traballo socialmente necesario para a produccion da mercadoria-, porque mantense moitos elementos do mercado que é onde se fai a “equivalencia” (por usar un termo de HD Steffan, que non me gusta moito, máis é descriptivo) dos valores de cambio (mercadorias, vamos). Alen de que movese nun mercado mundial dominado pola lei do valor, e por moito que teña o monopolio do comercio exterior que controle a formacion dos prezos, é evidente, que a influencia é inevitable (máis ainda se ese estado é subdesenvolvido ou atrasado como foron China, a URSS ou Cuba).
    O estado obreiro, ainda tendo expropiada á burguesía, non lle queda mais remedio que, primeiro, manter certas normas contables burguesas para determinar o valor dunha mercadoria para a súa distribucion(o tempo de traballo para producila), mas fainno dunha maneira “planificada” (o stajanovismo, é dicer, non foi froito do funcionamento automatico da economia, como acontece no capitalismo, que necesita aumentar a taxa de plusvalia incrementando a xornada laboral e incrementando os ritmos de produccion, produtividade, co risco da queda da taxa de lucro). O stajanovismo foi unha decision política diante do desastre da planificacion BUROCRATICA da economia.
    É unha diferencia de cualidade. Se fose un rexime capitalista, a decision sería “natural”, automatica. Ao ser un estado non capitalista, é a burocracia quen o decide, contra toda “norma” de desenvolvimento do estado obreiro, pois supon un ataque a clase que é base social dese estado.
    tres, o caracter conscente, política, da construccion do socialismo. A dictadura do proletariado é un estado de transicion, e como toda transicion incorpora elementos do pasado mas comeza a construir os do futuro. A tendencia é que desde a planificacion democratica da economica sexa á disolucion do estado na sociedade, e para iso é imprescindible que o intercambio entre o producto dos traballo non sexa pola lei do valor, senon polos valores de uso, que non dependen da produtividade (no socialismo adminitraranse as cousas), senon do traballo libre (realmente libre, non a escravitude do asalariado). E polo tanto o “socialmente necesario” desaparecerá como criterio basico.
    A sociedade sera a “asociacion de productores”.

    tres, a cuestion da subxetividade ou a consciencia. ESte é un dos problemas centrais da situacion.
    Os 90 foron un desastre para as perspectivas revolucionarias, pois foi o triunfo do neoliberalismo no economico e o individualismo total.
    Xa Marx e Engels eran conscentes que a acumulacion de capital baseabase na concurrencia e a competitividade entre os traballadores. Mas, teño para min que nunca pensaron a nivel que chegarian os anos 90 do seculo XX.
    As relacions entre capital e traballo foron individaulizada ata o maximo, de tal xeito, por exemplo, que na crise atual da construccion que supuxo o despedimento de centos de miles de traballadores en todo o Estado non foi respondida por ningunha folga. A atomizacion é tan grande nese sector, que é o salvese que poda.
    A burguesia, que ten o seus estudiosos, colleu esta atomizacion e suplantou a vision totalizadora do marxismo (o todo non é a suma das partes, se non algo dialecticamente distinto e superior), pola esa vision pequeno burguesa da suma de liberacions. Como a clase obreira, unica clase que como tal ten no seu proxecto social a liberacion da humanidade, desapareceu subxectivamente, os oprimidos do mundo (as mulleres, as nacions oprimidas, etc.) buscaron unha saida a sua opresion.
    O concepto de TODO como superior a suma das partes, foi sustituido pola Todo igual á suma das partes.
    O ataque nos anos 90 non foi so ao marxismo, senon a todo avance teorico como o sicoanalisis ou o a evolucion.
    Atacaron toda concepcion totalizadora do ser humano, aproveitando que o stalinismo levara polo barro ao marxismo.
    Ben, fago esta disquision filsofica, porque ha unha vella afirmacion de Lenin de que para coñecer O Capital é preciso coñecer a Logica de Hegel. E o conceito de TODO, é basico en Hegel.
    Ben. O socialismo non é a suma de liberacions dos oprimidos, o socialismo é o proxecto social que ten aa unica clase social, que polo seu papel na produccion e distribucion de mercadorias, pode facelo. Non é unha suma moral, é concreta.
    E o concreto é que este papel ven determinado pola lei do valor: so o traballo da clase obreira, e no concreto o proletariado industrial, é cuantificable polo “traballo socialmente necesario”.
    Un criado, un funcionario, etc., a súa forza de traballo, son asalariados… mas non producen unha mercadoria, e polo tanto non se lles “aplica” a lei do valor.
    Por iso, a clase obreira expresa o unico proxecto social alternativo ao capitalismo, porque a súa liberacion rompe con centro da economia capitalista.

  6. Anonymous says:

    Prezadxs amigxs:

    Di Marx nos Grundisse: “a grande indústria se desenvolve, a criaçom de riqueza efectiva se torna menos dependente do tempo de trabalho e da quantidade de trabalho empregados, que do poder dos agentes postos em movimento durante o tempo de trabalho, poder que, por sua vez – sua poderosa eficácia – nom guarda relaçom algumha com o tempo de trabalho imediato que custa sua produçom, mas depende mais do estado geral da ciência e do progresso da tecnologia, ou da aplicaçom desta ciência na produçom. (…) O capital mesmo é a contradiçom em processo, que tende a reduzir a um mínimo o tempo de trabalho como única medida e fonte da riqueza. Diminui, pois, o tempo de trabalho na forma de tempo necessário, para aumenta-lo na forma de trabalho excedente” (o sulinhado e meu).

    Quer dizer, o final do capitalismo pode ter a sua origem no carácter objectivamente contraditório do moderno sistema de produçom de mercadorias. No caso de ser os límites internos do moderno sistema produtor de mercadorias a causa do colapso do sistema, o problema nom é determinar como dar-lhe morte ao capitalismo mas como supera-lo de jeito emancipatório. Essa é a questom da subjectividade e nom a de ’sinala’ o sujeito revolucionário. Superar o capitalismo de jeito emancipatório é o mesmo que superar a subjectividade capitalista que interpreta as relações sociais em termos de relações –abstractas- entre cousas. Pode perfeitamente colapsar o capitalismo sem, porém, supor qualquer avanço na emancipaçom a respeito das relações sociais que submetem a pessas e povos. De facto, os fenômenos de procura de autoritarismo dos que já falei (reivindicaçom da cadeia perpétua, de disciplina escolar, homofobia, xenofobia, supremacismo linguístico, etc) podem ser explicados como a reacçom, desesperada e violenta, da subjectividade capitalista na procura de manter em vigor umhas relações sociais agora autonomizadas dum modo de produçom da vida que entrou, definitivamente, em crise. Esta subjectividade apresenta-se sempre sob alguns aspectos reconhecíveis. É sempre masculina, geralmente occidental e, no nosso contexto, espanhola.

    No atinente a questom das modalidades de capitalismo diferentes do capitalismo mercantil. O que define a determinaçom capitalista do valor nom é a espontaneidade mas a objectividade. Isto é, o fundamento do valor das mercadorias nom é umha vontade subjectiva. A lei do valor, e lei porque se impõe sobre as subjectividades dos agentes. Mas essa objectividade (lei do valor) pode operar por médios diferentes da concorrência, sempre que se aplicar a racionalidade abstracta para determinar o trabalho socialmente necessário em cada sector, ou em cada fábrica, etc. Isto é assim porque a caracterísitica definitória do moderno sistema produtor de mercadorias é o trabalho abstracto (cuantificável, determinável matematicamente, etc) como essencia da sua constituiçom social e, portanto, condiçom de qualquer forma de subjectividade (neste sentido é oportuna a citaçom d’O Manifesto Comunista que faz Carlos). Destarte, o trabalho abstracto é também o fundamento de ser o capitalismo um sistema de dominaçom. A emancipaçom implica, portanto, a suplantaçom do capitalismo por outra situaçom na que o trabalho abstracto (o trabalho sempre é abstracto) nom seja a forma principal de socializaçom das pessoas. A esquerda nom devería cair no erro de querer manter autoritariamente o actual modo de produçom da vida baseada no trabalho, substituíndo apenas o modo de distribuiçom capitalista –a concorrência- polo planejamento.

    Conclusom: Se do que se trata é de suplantar o capitalismo é importante nom contribuir, como faz a dirieta, à sua perpetuaçom autoritaria.

  7. Anonymous says:

    Compañeiro, ista carta túa supera a discusion economicista nun sentido moi progresivo: a contradiccion entre capital e traballo non é a mecanica e antidialectica contradiccion obreiro-capitalista, que si o é na esencia, senon no conxunto das relacions sociais de produccion capitalistas, e que o obxetivo non é ficar na superacion da mera contradiccion economicista, senon a superacion do capitalismo como conxunto de relacions sociais de produccion.
    Mais, unha non contradice a outra -salvo para a Academia das Ciencias de Moscu, que facia a vulgarizcion economicista do marxismo-, senon que se unha é a parte determinante da outra, a súa superacion, rematando coas relaciones sociais de produccion, significará a desaparicion do traballo asalariado, e, poren, do traballo abstracto.
    Para que isto sexa posibel, é imprescindible, e aqui comezan a xurdir as diferenzas, que como dis, para “dar-lhe morte ao capitalismo mas como supera-lo de jeito emancipatório. Essa é a questom da subjectividade e nom a de ’sinala’ o sujeito revolucionário”.
    Non estou dacordo para nada, a subxectividade ten ollos e cara, non esta no ár da sociedade, senon na terra das fábricas e centros de traballo.
    A túa proposta non ten en conta a 11a tesis sobre Feuerbach, pois sitúa a transformacion nun exercio intelectual de compresion do que é o sistema, e esquece a accion revolucionaria (a praxis, que o stalinismo traduxo dunha maneira vulgar como “practica” empirica, cando para o marxismo praxis é a superacion dialetica da contradiccion entre teoria e práctica, que na produccion é a division entre traballo manual e traballo intelectual).
    Ben. ao que iba. Esta accion revolucionaria supon un referente social, concreto, non moral nin ético (o socialismó ético do seculo XIX demostrou os seus limites con Berstein), senon engarzado coa realidade social, e aqui atopamos o “portador” da subxectividade. Se non sinalamos quen é ese portador social, as nosas palabras estan valeiras de contido.
    A lei do valor é a lei da explotacion do traballo polo capital, é a determinacion do valor de cambio dunha mercadoria (non do prezo, que iso é outra cousa, e xusto polas contradiccions entre prezo e valor de cambio, atopamosnos en crise), e polo tanto, so sinalando quen produce ese “valor de cambio”, podemos ver que non ten nada que perder (“so as súas cadeas”) da sua desaparicion.
    Por iso, a obxectividade da explotacion -concordo totalmente contigo neso- ten que facerse ver na subxectividade da loita da clase explotada. A gran dificultade da politica revolucionaria é o paso consciente dunha a outra (da clase en si á clase para si).
    Fica para outro momento a discusion sobre qué ou quén debe “suplantar” o capitalismo. Non séi se vai pola miña referencia á dictadura do proletariado ou non. Mais, o tema ten moito calado, como toda a discusion que mantemos.

Leave a Reply