Friday, May 8, 2009

A ESQUERDA E O PODER

Carlos Dafonte

         As sublevacións populares de hai uns anos, en Ecuador, Bolivia e Arxentina,  onde derrúbanse gobernos elixidos segundo as normas do parlamentarismo burgués, que levaban adiante políticas contrarias ós intereses da gran maioría da poboación, aínda que non conseguiran a instauración dun poder alternativo, cecais polo fetichismo que sobre as masas e determinadas forzas políticas exerce aínda a democracia burguesa,  e as vitorias electorais de Chávez en Venezuela, enfrontado os intereses da oligarquía  co apoio de sectores do exército, instrumento represor por antonomasia ó servizo das clases dominantes, Evo Morales en Bolivia e Correa e Lugo en Ecuador e Paraguai, sitúan nun primeiro plano a necesidade do análise sobre o poder, o estado como órgano de dominación e a sociedade civil,  que sempre deben ter presentes as forzas revolucionarias.

Varias son as cuestións, relacionadas co anterior, sobre as que debemos reflexiona-los cidadáns dos países do centro do sistema capitalista, ¿estes procesos descritos serían posibles nas nosas sociedades?¿estamos en condicións as forzas de esquerda de pular  procesos semellantes?¿podemos sacar conclusións e ensinanzas dos devanditos procesos que sirvan para os países do centro do sistema capitalista? ¿deben  ser modelo para acada-los  nosos obxectivos? ¿as estruturas do estado burgués son máis poderosas no centro do sistema ou na periferia? ¿e a sociedade civil? ¿cal é o seu grao de integración no sistema?

 Como acada-lo poder foi, dende sempre o elemento central para as organizacións que tentan cambia-lo que chamamos “modo de vida” e polo tanto as relacións sociais de produción.¿Cales deben se-las estratexias e as tácticas que desenvolvan as mesmas, para conseguilo?; ¿Que significa toma-lo poder?, e toda outra serie de cuestións que teñen relación, deben ser tamén  elementos centrais da nosa reflexión.

 

AS FORZAS DE ”ESQUERDA” NO CENTRO DO SISTEMA

 

No centro do sistema, as experiencias históricas dos últimos anos, nos levan a afirmar que os partidos socialistas  dende o comezo da longa crise actual, abandonaron as políticas socialdemócratas, a situación de crise económica non posibilita negociar melloras para os traballadores,  para abraza-las neoliberais e non ter atrancos para controlar determinadas institucións nos seus respectivos países; os exemplos máis clarificadores foron o “novo laborismo” británico, o PSOE español, o PSF francés, grego e portugués e o PSD de Alemaña. Tamén hai que subliñar que nos anos de dominio da socialdemocracia, aplicando as súas políticas non tentou transformar ningún país capitalista en socialista e os cambios estruturais nas sociedades foron moi cativos. Así pois estes partidos aparecen no transcurso da historia, como a oposición sistemática ós procesos revolucionarios ata  a segunda gran guerra, os abandeirados da aplicación de políticas socialdemócratas na fase expansiva de 1944-67 e de políticas neoliberais, como xa salientamos,  na depresiva actual. O resumo é, salvo a introdución dalgúns matices, que a Segunda Internacional despois da primeira guerra mundial, embárcase na tarefa de “lavarlle a cara ó capitalismo” nas épocas de expansión e de xestiona-la crise a favor do mesmo,   nas de refluxo.

Polo tanto como cada partido debe ser considerado en función das políticas que practica e non do que proclama, hai tempo debemos considerar ós chamados partidos socialistas ó marxe da cualificación de  “organizacións de esquerda”.

Por outra banda, os partidos comunistas europeos na súa maioría, a partires da segunda grande guerra, “ensimismados” co institucionalismo, e empeñados, algún deles, unhas veces nunha inaceptable lectura reformista de Gramsci e unha volta ás interpretacións marxianas de Kautski, hai tempo abandonaron a análise sobre as particularidades dos  estados capitalistas na actualidade e as estratexias para a toma do poder e o avance cara a modificación fondas das súas estruturas de explotación. Parecen considerar a vía parlamentar como o único camiño, e o poder conseguido pola clase obreira, cando os resultados electorais sexan satisfactorios e posibiliten un pacto de goberno cos partidos socialistas, e ata como no caso de Italia, chegar a autodisolución e á converxencia con sectores da democracia cristiá. A realidade é que moitos destes partidos ou ex-partidos, dende os gobernos, aplican políticas neoliberais, privatizan empresas públicas e levan unha política internacional de complicidade co imperialismo.

 

O MOVEMENTO CONTRA A GLOBALIZACIÓN NEOLIBERAL

 Nos últimos anos do século XX cristalizou un poderoso movemento contra a globalización neoliberal dende o que teñen xurdido propostas como a de “cambia-lo mundo sen toma-lo poder”, que reafirman a necesidade desta reflexión, pola confusión que poden producir no propio movemento alterglobalizador e en sectores da esquerda alternativa. É certo que cando se formulan non existían experiencias que van clarificando a situación, como a de Venezuela e a de Bolivia, onde por medio dunhas eleccións “sectores da esquerda” que teñen pouco que ver cos “socialistas e comunistas europeos” controlan algunhas institucións do estado “democrático burgués”.

Outra posición que leva á confusión e que precisa de debate, é a enunciada por Toni Negri no seu libro “Imperio”. Segundo Negri o capitalismo entrou na época do “imperio”, onde o estado-nación, característico da etapa do imperialismo esta a desaparecer da escena mundial. E posto que é dentro do proceso de loita de clases onde se produce esta superación, nesta nova etapa o suxeito revolucionario xa non é a clase obreira senón a “multitude”. Concepto este que segundo Atilio Borón,  é unha categoría teórica baleira, carente de sustancia sociolóxica e de cativa ou nula utilidade práctica para cambia-lo mundo.

A tese de Toni Negri leva a conclusión de que como a “multitude” non pode ser representada, partidos e sindicatos xa non teñen razón de existir.

Independentemente destas posicións, a propia existencia do movemento alterglobalizador, pon en dúbida que a recomposición da esquerda se deba facer en función do eixo partido –sindicato.

COMO DICÍA FEDERICO ENGELS: ESTADO É IGUAL A DICTADURA DE CLASE.

        

O instrumento que personifica o poder da clase dominante, a que explota ó resto da sociedade, é o Estado; pero ademais, tanto  nas sociedades de capitalismo avanzado, o centro do sistema, como na súa periferia, sociedades dependentes, existe, unha sociedade civil, activa e organizada.

Ata hoxe, as experiencias sobre a toma do poder para iniciar cambios revolucionarios, sempre, salvo o caso de Chile en 1970, producíronse mediante o que Gramsci chamaba “unha guerra de manobra”, en países onde a sociedade civil era “primitiva e xelatinosa”: Rusia 1917, Europa do leste a partir da segunda guerra mundial co apoio dos exércitos soviéticos, China e o sudeste asiático, Cuba, algúns países de África no proceso descolonizador, etc.

Polo tanto a esquerda, e afasto deste termo, como xa dixen,  ás organizacións políticas que abandonaron o marxismo como “guía para a acción”, non ten un modelo onde investigar os múltiples procesos, complexos, cheos de pasos adiante e retrocesos, de ensinanzas en suma, da toma do poder, consolidación do mesmo e modificación das estruturas nun país do centro do sistema capitalista, onde con palabras de Gramsci, “o Estado non o é todo”, só “unha trincheira avanzada da sociedade civil a cal é capaz de sobrevivir ós embates contra o Estado”. Polo tanto a toma do poder xa non pode ser resultado dunha “guerra de manobra”, como aconteceu en Rusia en 1917,  senón dunha “guerra de posicións”. Pero ¿é certa a afirmación gramsciana de que o Estado é só unha trincheira avanzada da sociedade civil?. Interesante pregunta xa que moitos sectores da esquerda consideran esta premisa como o núcleo central á redor do que construi-la súa proposta política.

Nos países do centro do sistema, dende os que as súas oligarquías exercen o dominio político, económico e militar sobre amplas zonas do planeta, esta realidade permitiu  a sectores das clases explotadas  conseguir migallas, por medio da loita decidida e as veces moi dura d@s traballador@s, do expolio levado a cabo polas clases dominantes, que se traduce nunha mellora na vida cotiá: coberturas sociais, servizos públicos, etc., situación que coadxuva a que o sistema coopte sectores explotados e incluso antagónicos da sociedade, para un consenso sobre os elementos esenciais que permiten unha acción de goberno  á redor das políticas de todo tipo que impoñen as clases explotadoras.

Lenin, con anterioridade a Gramsci,  planteou diferencias entre como dominaban as clases dominantes nos diferentes países segundo o desenvolvemento político: “A experiencia mundial dos gobernos burgueses e terratenentes ten desenvolvido dous métodos para mante-lo pobo sometido. O primeiro é a violencia coa que os tsares amosaron ó pobo ruso o máximo do que pode e non pode facerse (…) pero hai outro método mellor desenvolvido pola burguesía francesa e inglesa…o método do engano, a loubanza, as frases finas, os millóns de promesas, os pequenos sobornos e as concesións non esenciais mentres conservan o esencial”.

Establecía pois diferencias entre “oriente” e “occidente”, utilicemos a terminoloxía gramsciana,  no xeito en que a clase dominante exerce o seu poder; en “oriente” a coerción como parámetro básico, en “occidente”, esta sempre presente, pero as clases dominantes tentan conseguir o consenso de sectores da clase antagónica. Coerción e consenso que son compoñentes básicos do concepto de hexemonía sobre o que Gramsci,  fixo reflexións moi fondas nos  Cadernos da Cárcere. Hexemonía como o instrumento do que se serven os explotadores para manter sumisos  ós explotados e que acepten a súa condición. Hexemonía en suma como a materialización dunha posición de clase que lle permite a unha delas, nunha formación social determinada, ser dominante sobre as que lle disputan o poder.

 Lenin non lle deu a este termo un carácter tan amplo como o sardo, utilizandoo só ó referirse á persuasión exercida polo proletariado sobre unha clase non antagónica, o campesiñado, nunha revolución burguesa; pero termo para el  moi importante pois chega a dicir “que o proletariado é revolucionario só na medida en que é conscente e fai efectiva a idea da súa hexemonía”. É dicir cando supera a loita corporativa contra os patróns e o goberno, pola solución dos seus problemas inmediatos, salarios, etc., e plantéase a loita “contra calquera manifestación de arbitrariedade e de opresión, onde se manifeste, calquera que sexa a clase ou grupo social afectado”. Exercer a hexemonía significa para a clase obreira ter do seu lado á maioría dos explotados, que ven no proletariado ó voceiro das súas loitas e que pode conducilos e axudalos a conseguir os seus devezos. Así pois o concepto de hexemonía  e o tema da “vangarda”, están intimamente ligados no pensamento de Lenin.

Pero dicía que hai unha lectura feita dende a dereita,  socialdemócrata, de Gramsci, posiblemente o marxista que máis teña indagado sobre a sociedade civil e a hexemonía no capitalismo avanzado; cecais resultado dun estudo parcial e interesado dos seus traballos, o que leva a algúns  a sacar  unha idea distorsionada sobre o seu pensamento; a frase máis arriba transcrita, parece situar no capitalismo avanzado, a hexemonía na sociedade civil e a primacía desta sobre o estado. Polo tanto é fácil sacar a conclusión de que  si as clases populares teñen acceso ó estado a traveso da “democracia”, o estado, pode deixar de ser unha maquinaria represora e existe a posibilidade de transformalo ata conseguir que leve adiante medidas que permitan avanzar cara ó socialismo; é a típica posición reformista que teñen adoptado tamén numerosos partidos comunistas desde hai tempo, pero sobre todo despois da desaparición da URSS. A experiencia di que a democracia representativa non permitiu nunca a existencia dun goberno que expropie á burguesía, e cando algún situouse no entorno destas medidas como no caso de Chile, o estado burgués actuou coa violencia e como a máquina represora que é, ó servizo da minoría explotadora.

Estes partidos poñen as veces de manifesto, para lamentalo, a contradición de que sendo o proletariado e o conxunto das crases populares a parte máis numerosa da sociedade, e podendo co seu voto, supostamente, cambia-lo rumbo da historia, que non o dirixan cara á “opción revolucionaria” que eles representan; e cando analizan as derrotas electorais que sofren a favor e beneficio da que consideran a “outra esquerda”, a social-neoliberal, non pasan moitas veces dunha análise superficial e centrado case exclusivamente no formidable papel e a grande incidencia dos medios de comunicación e a capacidade que teñen para “crear opinión” en amplos sectores populares, a quen afastan das opcións que tentan avanzar por un camiño de cambios de estruturas. Son os medios de comunicación, en mans de grandes emporios capitalistas, cousa esta última que é verdade, os que conseguen coa súa orientación ó servizo do capital, “adormecer-la” sociedade.

O eixo básico da dominación, da hexemonía en suma, conclúen estas análises, para min errados, establécese na capacidade e control das clases dominantes para monopoliza-los medios de comunicación; se a isto engadímoslle a alienación que produce o proceso produtivo nos traballadores, teríamos as claves, segundo eles, para explica-la dominación de clase no capitalismo avanzado. Ponse polo tanto o énfase do exercicio da hexemonía, só como consenso, na sociedade civil.

O sistema parece manterse sen coerción, sen intervención estatal; o estado sen dúbida, pensan, pode ser transformado; a clase obreira pode acceder a el, pero son os medios de comunicación e toda outra serie de aparellos ideolóxicos e o sistema produtivo, os causantes da neutralización da súa capacidade revolucionaria e as razóns de que non utilice o estado como instrumento de transformación. O corolario a estes análises é que hai que actuar na esfera da sociedade civil pero non se lle da a importancia que ten a actuación na esfera do estado, tentando neutraliza-la capacidade de cooptación que ten.

Cando unha actitude máis autocrítica, baseada nunha análise máis fonda da realidade social e o xeito en como se produce o consenso, levaría a concluír que tamén a súa estratexia política, baseada na loita institucional como único medio de accede-lo poder, axuda á consolidación do estado democrático burgués parlamentario, e a manter a amplos sectores populares nunha perspectiva reformista. O mesmo acontece en moitos países da periferia, onde moitas loitas de masas desembocan en novas eleccións, sen modifica-las vellas institucións da democracia burguesa, sendo canalizadas e neutralizadas segundo os intereses das clases dominantes

Neste senso sería importante sinalar, pois pode ser exemplificador, como  os traballadores da UE a 15, por exemplo,  levan protagonizado nestes anos de recesión económica, importantes mobilizacións contra a redución sistemática dos seus dereitos, sen que se poña en cuestión a democracia burguesa e a incapacidade da mesma para dar solucións, á cada vez maior riqueza duns poucos e a perda de dereitos e retrocesos nas conquistas sociais da grande maioría.

 Amadeo Bordiga dirixente comunista italiano, planteou no debate con Stalin, producido no seno do VI Pleno do Comité Executivo da IIIª Internacional, creo que adecuadamente, as diferencias entre “oriente” e “occidente” respecto á toma do poder e a problemática coa que se atopan os revolucionarios en cada situación: “Na Internacional só temos un partido que teña conseguido a vitoria revolucionaria: o partido bolxevique. Eles din que, polo tanto , debemos toma-lo camiño que levou ó partido ruso ó éxito. Isto é completamente certo, pero segue a ser insuficiente. O certo é que o partido ruso loitou baixo condicións especiais nun pais no que a revolución burguesa liberal aínda non se levara a cabo, e a aristocracia feudal non fora derrotada pola burguesía capitalista. Entre a caída da autocracia feudal e a toma do poder da crase obreira hai un período demasiado curto para que poda compararse co desenvolvemento que o proletariado terá que levar a cabo en outros países. Porque non houbo tempo para construir un aparello de estado burgués sobre as ruínas do aparello feudal tsarista. O desenvolvemento ruso non nos proporciona unha experiencia de como pode o proletariado  derrocar un estado capitalista liberal-parlamentario que exista desde hai anos e teña capacidade para autodefenderse. Nembargantes nós debemos saber como atacar un estado democrático burgués moderno que, por unha banda, ten os propios medios para mobilizar e corromper ideoloxicamente ó proletariado, e, por outra, pode defenderse a si mesmo no terreo da loita armada con maior eficacia que a autocracia tsarista. Este problema nunca xurdiu na historia do partido comunista ruso”.

Bordiga situaba, non na sociedade civil, senón no estado o “no gordiano” que hai que crebar para toma-lo poder.

A realidade é que a democracia burguesa crea a ilusión de que no seu exercicio, as diferencias existentes entre as persoas por pertencer a clases distintas, desaparecen,  e que os votos dos que teñen menos riqueza e ata os que non teñen ningunha, valen o mesmo   que os dos que máis teñen. As diferencias económicas existentes no seo da sociedade, por non se sabe que medios, deben ser máxicos, convértense en igualdade xurídica entre explotadores e explotados no seo do estado. E non hai maxia algunha; a constatación cotiá débenos levar a afirmar que a democracia burguesa é unha formalidade coa que non debemos enganarnos; na mesma, os poderosos teñen mecanismos suficientes de influencia ó marxe das regras democráticas para orientar e determinar as políticas económicas e sociais dos gobernos elixidos polo sistema parlamentar. Financiando, por exemplo as súas campañas.

Verifícase, un día tras outro, o dito pola viúva do presidente francés François Mitterrand, nada sospeitosa de marxista ou revolucionaria, unha persoa timidamente progresista que considera que tanto Francia como os EEUU de Norteamérica non son unha democracia, porque nestes países, como en tantos outros, “os electos aproban unhas leis que nunca propuxeron e que os electores non queren”. 

Aínda que o parlamentarismo se ten convertido no principal mecanismo ideolóxico de dominación dos poderes económicos, debemos valorar que o sistema parlamentar hoxe existente é froito da loita dos traballadores e traballadoras e a perda desta conquista representaría un paso atrás sen precedentes; pero sen esquecer que a ideoloxía da “democracia burguesa”  constitúe a síntese permanente do consenso inculcado polo estado capitalista, e o seu poder de cooptación e asimilación de sectores obreiros e populares é maior, como di P. Anderson,  que calquera  reforma de carácter económico, sempre sometidas a debate e cuetionadas polos traballadores, xa que constantemente tenden a crear, estas reformas, novas expectativas, que ningunha economía capitalista pode satisfacer.

Pola contra, a estrutura política capitalista non se pon en cuestión, por parte da clase obreira, nos últimos 70 anos nos países do centro do sistema; e moi poucas veces na periferia. Este é un elemento básico que desde o meu punto de vista hai que modificar nunha estratexia revolucionaria; pasar da aceptación á denuncia da democracia representativa como forma de ditadura das clases opresoras e ningún revolucionario debe loitar por mellora-lo estado que explota e si facer comprender á gran maioría da poboación o funcionamento do estado alternativo, baseado en novos valores democráticos. ¿Significa isto renunciar á participación nas institucións e a conseguir reformas desde as mesmas? En absoluto, pero non perdendo nunca de vista que o estado é un instrumento de clase e o estado capitalista un instrumento ó servizo dos capitalistas.

Así pois unha proposta revolucionaria debe construirse tamén sobre a conclusión de que é a existencia dunha democracia burguesa, onde  parece que as diferencias de crase “desaparecen” co “un home, unha muller  un voto”, o “estado representativo”, é, dicíamos, o atranco fundamental, o maior condicionamento ideolóxico para que as masas obreiras podan pensar na necesidade dun “estado socialista”, condición necesaria e imprescindible para avanzar cara á consecución dunha sociedade deste tipo.

Como conclusión: o “estado parlamentario” que pasa por ser a “suma xurídica dos seus cidadás”, é o eixo dos aparellos ideolóxicos do capitalismo, por iso non se pode separar sociedade civil de estado. Os medios de comunicación, a igrexa, a escola, etc., xogan un papel complementario, fundamental para garanti-la estabilidade do réxime de clases capitalista, tamén as relacións de mercado e o proceso de traballo, pero o principal papel cultural-ideolóxico é o estado mesmo.

OS ELEMENTOS CONSTITUTIVOS DA HEXEMONÍA

Gramsci foi abrindo perspectivas diversas, algunhas poden parecer contraditorias ó longo da súa reflexión, difícil reflexión na cárcere, sobre aspectos fundamentais do seu concepto de hexemonía e das relacións entre estado e sociedade civil.

Reflexións moi valiosas para axudarnos a comprender hoxe o xeito en que se produce o dominio dunhas clases sobre outras.

Así noutro pasaxe dos Quaderni expón o problema da hexemonía non como  unicamente unha cuestión de consenso e centrada na sociedade civil, senón como unha suma de consenso máis coerción compartida entre a sociedade civil e o estado: O estado exerce a coerción e a sociedade civil o consenso. Argumento que pode inducir a equívocos e non permite comprende-la realidade.

 Pero tamén, é posiblemente resultado da análise sobre o que acontecía na súa patria, do poder exercido polo totalitarismo fascista, da identificación estado- partido, da existencia de bandas de paramilitares, que acosaban e esnaquizaban as organizacións obreiras e partidarias, establece en determinado momento, a identificación total entre sociedade civil e estado, chegando case a negar a existencia da primeira, o que pode levar a interpretacións de carácter ultraesquerdistas, como  aquelas que consideran que toda democracia burguesa é fascismo. Di Gramsci: “ Por estado debe entenderse non só o aparello gobernamental, senón tamén o aparello privado da hexemonía ou sociedade civil” e sentencia “en realidade, sociedade civil e estado son unha e a mesma cousa”. “A sociedade civil é tamén parte do estado, en realidade é o estado mesmo”. Quen non distinga un réxime democrático-burgués do fascismo, aínda que ambas las dúas son formas da ditadura do capital, esta a caer nunha política sectaria como a do “terceiro período”, onde identificábase, mediante a teoría do social-fascismo, á socialdemocracia cos nazis e fascistas, de onde xurdiu a negativa da fronte obreiro para combater cos primeiros ós segundos. Na actualidade esta posición dificulta a comprensión das especificidades da democracia nas sociedades do noso entorno.

Así pois dende o meu punto de vista, tan erro é considerar que non hai límites entre sociedade civil e Estado, como afirmar a supremacía da primeira sobre o segundo que leva, como xa dixemos á concepción da “vía parlamentar ó socialismo”, construida esta, sobre dúas ideas  trabucadas: a primeira, que no centro do sistema o capitalismo só require do aspecto cultural, consensual,  da hexemonía,  para manterse no poder e a segunda, que fronte o principio marxista de “unidade política do estado burgués” que precisa dunha revolución para destruilo, considerar posible despieza-lo estado e ir “neutralizando”, por parte dos traballadores,  pezas esenciais do mesmo, mediante o exercicio da hexemonía cultural da clase obreira e os seus aliados, entendida só como consenso ; hexemonía que se pode incluso exercer sobre sectores das  clases antagónicas.

Esta é outra das conclusións que os partidos reformistas establecen dunha determinada lectura de Gramsci: que a crase obreira é capaz de chegar a acada-lo consenso incluso de sectores da propia burguesía, unha clase antagónica, sobre moitos aspectos da súa política, en determinadas coxunturas, e neutralizar así ás forzas de oposición ó socialismo.

Pero creo que Gramsci tiña moi clara esta cuestión; nunha pasaxe que moitos queren esquecer, di textualmente: “Un grupo social é dominante sobre os grupos inimigos ós que tenta “liquidar” ou  someter mediante a forza armada, e é dirixente respecto dos grupos “afíns” ou aliados. Un grupo social pode, e de feito debe, ser dirixente antes de conquista-lo poder do goberno (esta é unha das principias condicións para a conquista do poder mesmo); despois, cando exerce o poder e o mantén firmemente no seu puño, se convirte en dominante, pero tamén segue a ser dirixente”.

A conclusión á que debemos chegar despois de analiza-las aportacións   que fixo Gramsci á  análise de como domina a clase dominante e o camiño para a consecución do poder por parte da clase obreira, é que posiblemente pola súa difícil situación na cadea, só esbozou toda unha serie de cuestións vitais para o proceso revolucionario, sobre os que posiblemente tentaría afondar máis adiante. Afondamento que nunca se produciu pola súa morte sendo aínda novo, e que todos os que se consideren marxistas deben levar adiante, xa que teñen nos seus escritos unha fonte inesgotable de cuestións básicas para entender o dominio na sociedade capitalista e a forma de toma-lo poder.

Creo que a interpretación xusta sobre o concepto de hexemonía, que é a suma de consenso máis coerción,  e polo tanto explica a dominación burguesa, é a que elabora P. Anderson,  cando establece o exercicio do consenso en ámbolos dous termos, sociedade civil e sociedade política, ou estado, e o da coerción neste último. Só comprendendo esta asimetría se estará en condicións para establece-lo proxecto estratéxico adecuado para a toma do poder.

Como xa dixemos o dominio burgués baséase na aceptación por parte da maioría da sociedade, do consenso das masas, cunha situación determinada;  pola crenza de que elas exercen o seu propio goberno no “estado representativo”. Pero para que as masas cheguen a esta conclusión errada, necesítase tanto a práctica diaria do exercicio da propia democracia burguesa, como doutros elementos creadores da propia crenza: escola, medios de comunicación etc..

Os revolucionarios nunca deben esquecer, que aínda que na vida cotiá o estado parece que non existe, e que os neoliberais de toda caste falen da “necesidade de adelgaza-lo estado”, este si existe co seu monopolio da violencia “lexítima”, que é quen lle da, repito, aínda que na cotidianeidade da vida non se aprecie, a robustez ó sistema e apórtalle valores culturais, ideolóxicos, etc. “Adelgaza-lo estado” non significa para eles eliminar os instrumentos da violencia. É a existencia dese estado “invisible” o que fai poderoso ó sistema, porque no  caso de xurdir unha situación de crise, que poña en cuestión ó capitalismo, a coerción vai desprazar axiña ó consenso, a violencia convértese en dominante e determinante, e os instrumentos coercitivos do estado pasan a situarse no lugar de vangarda. Iníciase o proceso máis extremo do que Alba Rico denomina “pedagoxía do voto”. O voto popular foi unha conquista que custou arrancalo ós gobernantes, sangue, suor e lágrimas. Os capitalistas “manexan” a democracia aplicando unha “pedagoxía” que non exclúe ningún método, manipulación legal, o señor Herrero de Miñón fixo unha declaracións sobre a lei electoral española e o seu obxectivo de marxina-los comunistas, que establece unha realidade que, aínda que sospeitada non deixa de ser sorprendente, propaganda, soborno e chegado o caso feixismo. Se un pobo non vota segundo os intereses dos grupos económicos aplícaselles esa “pedagoxía”. Nos casos máis extremos se suprime e neutraliza a unha parte da poboación e despois duns anos permíteselles votar ós superviventes. España 1936, Chile 1973, Venezuela 2002, son tres exemplos da súa aplicación, no último caso fallida.

A experiencia da revolución rusa e outras posteriores ensínanos que coa desaparición do estado, desmorónase  toda a “arquitectura” social, económica, etc, construida á redor do esquelete estatal.

  ¿Sería posible hoxe nun país do centro do sistema, que as forzas que queren construir unha  alternativa ó capitalismo, tomaran baixo o seu control valéndose da “democracia representativa” parcelas do estado capitalista que pretenden destruir?. Pero ¿existen verdadeiramente esas forzas políticas hoxe?. Salvo minorías que se atopan moi lonxe dese obxectivo, as forzas que teñen posibilidades de conquistar parcelas de poder dentro do estado capitalista, atópanse integradas dentro do sistema e é imposible un cambio na súa estratexia de transformación da realidade.

 

A NECESIDADE  DUNHA ESTRATEXIA REVOLUCIONARIA PARA O SÉCULO XXI,  NO CENTRO DO SISTEMA CAPITALISTA E DE CONSTRUCCIÓN DA FORZA POLÍTICA QUE A LEVE ADIANTE.

         Analizado dun xeito sinxelo como as clases dominantes exercen a súa hexemonía, o poder en definitiva, como someten ás clases antagónicas, ás explotadas, compre contestar a dúas preguntas. ¿Que estratexia poden levar ás forzas revolucionarias no centro do sistema capitalista á toma-lo poder e inicia-lo avance cara o socialismo? ¿Cales son os elementos tácticos que fan posible esta estratexia?

         Creo que non é posible dada a fortaleza do estado e os grandes sectores da sociedade civil sobre os que as clases dominantes exercen hoxe a súa hexemonía, a toma do poder por medio dunha “guerra de manobras”; intentalo sería un erro político que custaría moi caro e significaría un retroceso no proceso de loita de clases; pero tampouco creo posible, o logro do poder por medio dunha “guerra de posicións”, é dicir, gaña-la hexemonía na sociedade civil, conseguir gañar e polo tanto neutralizar institucións e aparellos do estado democrático-burgués ata escomenzar a aprobar medidas de carácter transicional e socialista que permitan inicia-la modificación das estruturas sobre as que se asenta a actual sociedade de explotador@s e explotad@s.  O caso de Chile é paradigmático e ensina tamén, que un proceso revolucionario se ten que resolver en pouco tempo, non se pode manter a indefinición por un longo período, pois sempre beneficiará a quen verdadeiramente controla os aparellos coercitivos do estado.

         Os procesos revolucionarios nos países do centro do sistema teñen que ser resultado dunha mistura  de ámbalas dúas estratexias, cunha activa participación de masas.

Só desde as institucións non se avanzará cara o socialismo xa que o estado burgués está pensado para que no caso de que institucións e aparellos do mesmo non sexan administrados de acordo ós intereses da burguesía, sexan bloqueados por outros compoñentes do mesmo estado…e o final sempre fica o recurso de utiliza-los aparellos da coerción.

         En segundo lugar para avanzar cara a unha sociedade socialista, necesítase algo máis que a participación electoral da cidadanía, necesítase do pulo da loita de clase e a creación e construción de numerosas estruturas de base con representación directa, verdadeiros embrións do que permitirá a constitución  do “dobre poder”

         En terceiro lugar a utilización por parte dos explotadores dos instrumentos de coacción sempre é unha posibilidade, polo que a consigna leninista de “gaña-las tropas”, adecuada a nosa realidade é tempo, ten que ser estudada, teorizada e concretada en tácticas moi precisas. É necesario un traballo moi concreto para conseguir que o aparello represivo chegue ós momentos máis importantes do proceso o máis feble posible ou dividido. O proceso revolucionario avanzará máis axiña canto máis cativa  sexa a ameaza de contrarrevolución armada, golpe de estado, etc. O mesmo estudio precisase respecto ás ameazas do exterior.

         En cuarto lugar a necesidade de avanzar cara á creación do dobre poder. Produciuse en todas as revolucións, desde a francesa de 1789 ata a soviética de 1917, pasando pola española de 1868, onde os sectores populares manifestaron a vontade non só de crear unha alternativa ó poder instituído, senón ó novo poder que se estaba a configurar pero que non respondía ás súas necesidades e devezos. @s traballador@s crean as súas estruturas políticas. É o núcleo central de toda revolución; parte da percepción por parte do pobo, do disfrute incluso antes da caida do vello sistema, de como vai ser a democracia popular, participativa, que vai sustitui-la existente.

O dobre poder, o d@s traballador@s, en tempos pasados e nos próximos períodos, ten que construirse sobre a participación e apoio das masas, pero como dixo Lenin é inestable, e non pode coexistir durante moito tempo con outro poder no mesmo estado; un deles ten que desaparecer e case sempre é a determinación e a unidade quen vai decanta-la balanza cara a un deles.

 Este dobre poder, a existencia dunha nova democracia dentro da vella democracia burguesa, pode tamén, se as circunstancias o permiten, ter asento en certas institucións do estado burgués, os concellos por exemplo, se as forzas revolucionarias son capaces, unha vez que as dirixen, de abrilas ó pobo.

         Hoxe debémonos preguntar e dar unha resposta axeitada sobre cal debe se-la estrutura do dobre poder no século XXI. Mobilizacións como as dos chamados países da Europa do leste, onde se abolira o capitalismo de mercado despois da segunda guerra mundial, non serven de ensinanza. O aparello estatal foise “disolvendo” sen utiliza-lo aparello coercitivo, xa que non estaba en xogo as estruturas de poder de clase; cambiouse unha sociedade que non era nin capitalista nin socialista, por outra con capitalismo de mercado. A loita polo poder produciuse entre os que usufrutuaban as riquezas do país controlando o estado e os que querían restaura-lo capitalismo; pero todos pertencentes a un mesmo grupo social, non houbo confrontación de clase. Moitos dos membros da nomenclatura do réxime anterior,  son hoxe propietarios de grandes empresas roubadas ó pobo, coa complicidade dos que sen pertencer a ese grupo “dirixente” do antigo réxime, eran partidarios da restauración capitalista.

         A experiencia máis próxima de dobre poder atopámola en Bolivia e Ecuador, onde as masas mobilizadas, organizadas, paralizan os seus respectivos países, as estradas, a produción, etc.,  e obrigan a dimisión de varios presidentes do poder executivo. Asembleas de barrio, sindicatos pero de distinta natureza ós existentes en Europa, etc., fusionados con organizacións tradicionais dos pobos orixinarios, constitúen o dobre poder nestes dous países.

         Distinto é o caso arxentino e venezolano; no primeiro unha medida de carácter económico, o peche da banca, produce un balbordo dos pequenos aforradores ó que se suman outros sectores sociais golpeados pola crise económica. Non é resultado dun proceso político que leva a unha organización das masas; é máis ben un movemento espontáneo de sectores da pequena burguesía que recúan cando se incorporan ó mesmo sectores obreiros e populares; non existía nin organización nin obxectivos de carácter estratéxico.

         Pero estas experiencias de dobre poder son moi diferentes ás de Rusia de 1917, fundamentada nos soviets, que tiñan unha base fabril moi importante aínda que segundo avanzaba o proceso estendeuse por toda a sociedade.

         O dobre poder na Comuna de París de 1871, tiña unha base nas barriadas e non fabril.

         Todo o anterior nos debe levar a aceptar que non hai modelos e cada sociedade ten que ir creando as organizacións que van ser a base do dobre poder e cuxa natureza será expresión e resultado da loita de clases.

         En quinto lugar, salientar que o control de determinadas institucións do estado burgués por parte das forzas revolucionarias, aínda que fose dun xeito conxuntural, axudaría ó proceso. Cando as masas mobilizadas teñan o obxectivo común de conseguir un cambio na sociedade, cando funcionen os instrumentos de coerción do pobo, cando chegue ese momento que se considera fundamental no proceso, será importante, facilitaría aglutinar a máis sectores da sociedade non antagónicos, se algunha institución, elixida mediante o voto, acordara apoia-las posicións da gran maioría do país. Facilitaría un dos obxectivos mais importantes que xa está sinalado e que se ten que resolver nos primeiros momentos de iniciado o proceso, a “loita polas tropas”. A neutralización dos aparellos coercitivos.

Como podemos constata-lo obxectivo de que os traballadores e traballadoras asalariados se constitúan en clase hexemónica nunha sociedade capitalista avanzada e moi complexo; un proceso cheo de atrancos que se multiplicarán segundo se tomen medidas que permitan avanzar cara a unha nova sociedade asentada en alicerces anovadas.

E hai dous temas que son desde a miña óptica, nos moi importantes, centrais para que o proceso siga a avanzar. A cuestión da dirección política de todo o amplo e diverso movemento, que noutros momentos chamamos “bloque histórico” e a necesidade da hexemonía do pensamento revolucionario no mesmo. Sen teoría revolucionaria non haberá revolución. A elaboración de teoría debe ser o motor para a acción e esta é a que move o pensamento.

Entre estes dous elementos hai unha relación dialéctica e non valen fórmulas fáciles como dicir, a sociedade debe dirixir todo o proceso; a sociedade é moi diversa, nela reflíctense intereses distintos que en momentos de crise política van aflorar con violencia insospeitada e aínda que pareza hoxe que moitos sectores sociais están interesados nun cambio de sistema, só os traballadores e traballadoras asalariados, obxectivamente son os interesados nese cambio a pesares das contradicións internas e a complexidade que a clase obreira ten nestes comezos de século. Por iso é tan importante construi-lo partido dos traballadores capaz de fundi-la teoría revolucionaria coa clase, coas súas mobilizacións e coa memoria das mesmas.

En Galicia no mes de maio de 2009

Posted by at 23:28:23 | Permalink | No Comments »

Friday, November 30, 2007

NO 90 ANIVERSARIO DA REVOLUCIÓN SOVIÉTICA DE 1917 EN RUSIA(i)

 

            O 24 de Outubro  polo calendario ruso daquela época, o 7 de Novembro polo que utilizamos nós, de hai 90 anos, entre lusco e fusco, obreiros e campesiños moitos uniformados por pertence-lo exército, xentes das clases explotadas do Imperio Ruso, case todos encadrados nos diferentes soviets que se constituirán, ou na Garda Vermella formada polos obreiros con maior conciencia de clase, todos dirixidos polo Comité Militar Revolucionario establecido polos bolxeviques, asaltan o Pazo de Inverno, sé do Goberno Provisorio que presidía Kerenski, completando deste xeito o control das institucións do estado.

            Os días anteriores, coa complicidade dos soldados e mariñeiros, detivérase a toda a oficialidade contraria a aceptar a autoridade do Comité Militar, ocupáranse os edificios oficiais, as imprentas, as pontes, as oficinas de telégrafos e teléfonos; o dobre poder que se fora estruturando nestes meses, contraposto ó da burguesía, exercía a súa forza.

            Os acontecementos producíanse en Petrogrado, a capital do imperio máis extenso do planeta. Naquelas datas un imperio sen emperador, o tsar, pois a presión popular obrigara en febreiro a abdica-lo autócrata Nicolás II, da familia dos Romanoff que levaban desde o século XVI explotando dun xeito inmisericorde ós pobos, ás nacionalidades, ós obreiros e campesiños, dende unha estrutura estatal coñecida na época como “o cárcere dos pobos”. O tsar era un autócrata de”orixe divina” que mantiña o seu poder absoluto grazas a un exército moi numeroso pero mal pertrechado e peor dirixido, moi capaz na misión de manter sometido ó pobo, pero inútil fronte ó doutros países; nunha igrexa ortodoxa, principal valedora ideolóxica da situación, dona de numerosos latifundios e transmisora entre os campesiños pobres da mentalidade sumisa; unha activa e brutal policía política a Ojrana e unha administración ineficaz e corrupta.

            Como di un manual de historia, “o territorio do imperio era enorme, cun grande peso da economía agraria de carácter latifundista, onde a nobreza tiña un papel prepondrante fronte a unha masa de campesiños, os mujiks, que ata o ano 1861 estiveron sometidos ó sistema de servidume. Podían ser castigados co látego, enviados ás minas de Siberia, vendidos polos seus amos como gando ou incorporados ó exército por 25 anos.”

            Dende os derradeiros anos do século XIX iniciárase un proceso de industrialización, serodio, pulado polo capital estranxeiro, cuxos centros máis importantes eran San Petersburgo e Moscova.

            Sobre a formación social do imperio, Vladimir Illich Ulianov, máis coñecido polo alcume de Lenin, escribiu “O desenvolvemento do capitalismo en Rusia” amosando que a realidade económica rusa era a capitalista e levando a contra a todos os que expuñan a imposibilidade de levar a cabo unha revolución socialista no Imperio Ruso, como consecuencia do feble desenvolvemento das forzas produtivas. Dende a época de Marx, considerábase a Alemaña e Gran Bretaña os países onde era posible levar a bo termo un proceso revolucionario.

Antonio Gramsci escribiu en 1918 un artigo que titulou A revolución contra “O Capital” no que expuña que a revolución era “…contra O Capital de Carlos Marx. O Capital, de Marx, era en Rusia o libro dos burgueses máis que o dos proletarios. Era a demostración crítica da fatal necesidade de que en Rusia se formara unha burguesía, se iniciara unha era capitalista, se instaurara unha civilización de tipo occidental, antes que o proletariado puidera pensar na súa ofensiva, nas súas reivindicacións de crase, na súa revolución.”

O proceso revolucionario foi longo, asentou os seus alicerces nas mobilizacións campesiñas de meados do século XIX dirixidas polos “populistas”, narodnikins, que durante moitos anos tiveron un grande ascendente e consideraban a comuna rural campesiña, como o núcleo sobre o que se debía asentar este proceso. Que vai consumindo numerosas etapas e creando e destruíndo diferentes organizacións. Un ano importante é o de 1898, cando se constitúe o Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia (POSDR), no que o marxismo se convirte no instrumento de análise da realidade e a guía para a acción.

A guerra ruso-xaponesa de 1904-05, pon en evidencia entre outros aspectos, o atraso do país fronte a unha incipiente potencia industrial. Pero a guerra e a derrota non foron o desencadéante da chamada “revolución de 1905”, senón as deficientes condicións de vida das crases populares as que fixeron cambalearse ó tsarismo e produciron un importante movemento popular. A burguesía liberal tentou aproveitalo para acadar espazos de poder fronte ó absolutismo.

Aparecerán os primeiros soviets, comités, que naceran dentro do propio movemento popular e lle darán dirección e coordinación.

Para Lenin, principal dirixente da maioría do POSDR, bolxevique, 1905 “foi un ensaio xeral” e a pegada da insurrección de decembro da crase obreira moscovita, duradeira. Como escribiu en 1920 “Despois de decembro foi outro pobo. Un pobo rexenerado, que recibira o bautismo do fogo e o tempero da insurrección. Un pobo que preparou as filas dos combatentes que vencerían en 1917”.

No congreso de unidade do POSDR de 1906, dividírase en 1903 en dúas fraccións, na discusión sobre as perspectivas da revolución van aparecer tres posicións: A de Plejanov, teórico do ala menchevique, que afirmaba que a revolución ía ser burguesa e polo tanto o poder tiña que pasar da nobreza á burguesía, sendo esta quen dirixira a revolución coa axuda da crase obreira. A de Lenin que aceptando o carácter burgués da revolución negáballe á burguesía a súa capacidade para enfrontarse á nobreza e polo tanto só unha alianza dos obreiros cos campesiños pobres podía levar o proceso a bo porto e fortalece-lo proletariado, ata o momento que permitira inicia-la marcha cara ó socialismo. E a posición de Trotski que discrepaba de Lenin no que facer tra-la toma do poder; a súa posición era que a revolución debíase facer “permanente” e converterse de inmediato de revolución burguesa en socialista.

Os ecos de 1905 non se desvanecerán nunca; ata o comezo da guerra europea en 1914, as insurreccións e os balbordos son a constante pola basta extensión do imperio e papel mollado as promesas do tsar contidas no chamado Manifesto de Outubro.

O estoupido da guerra pon de manifesto, en primeiro lugar, a traizón dos Partidos Socialistas ós traballador@s, pois existindo un acordo da II Internacional no que se establecía que a futura guerra tiña un carácter interimperialista, contraria ós intereses populares e que polo tanto os partidos obreiros debíanse mante-lo marxe da mesma, agás algunhas excepcións, cando os partidos burgueses solicitaron, nos parlamentos dos seus países, a aprobación dos cretos para a guerra, os socialistas secundaron esta medida. Para Rusia evidenciou que a unha guerra, o único que podía aportar eran masas inxentes de homes, chegou a mobilizar doce millóns, como xa apuntei mal pertrechados e peor dirixidos.

Dende o primeiro momento Lenin o tivo moi claro: era preciso consegui-la paz ó prezo que fose e en todo caso converter a guerra contra os alemáns nunha guerra revolucionaria contra quen reinaba e gobernaba o país; só derrubando o capitalismo, dicía, teremos asegurada a paz. Pero esta posición non sería compartida pola maioría da dirección bolxevique ata ben entrado o ano de 1917.

O 23 de febreiro do calendario ruso, celebrábase o día da Muller Traballadora. As obreiras do barrio de Viborg, de Petrogrado, convocaron unha manifestación baixo o lema “Paz, Pan e Liberdade”. Tres anos de guerra deixaran patente a “carnicería” na que se converteran as frontes de guerra, o desabastecemento e a fame eran cotiás nas cidades e a propaganda bolxevique e a dos partidarios da paz, facían mella en numerosas unidades militares; a moitas foran incorporados á forza, multitude de axitadores que realizaban o seu labor político nas fábricas e nas barriadas, e a continuaron a facer na fronte de guerra. O clamor contra da guerra, e a idea de que os mortos eran dos pobres, nunha guerra entre ricos, gañaba adeptos en todos os currunchos do imperio. Por iso non e estraño que os cosacos utilizados para reprimi-las mobilizacións das mulleres e as insurreccións posteriores, se neguen a disparar contra os manifestantes e se o fagan contra a policía ou que se subleve a propia garda persoal do tsar. Diante desta situación a burguesía liberal convence ó tsar da necesidade de abdicar, antes de que as masas obreiras se fagan co poder. Proclámase a república, cuxas institucións son controladas polo Partido Democrático Constitucionalista, Socialistas e a fracción minoritaria, menchevique, do POSDR. O goberno provisorio aproba a continuación da guerra e convocar unha Asemblea que elabore unha Constitución.

As crises revolucionarias teñen determinadas características que aparecen dun xeito nidio no proceso ruso; en primeiro lugar son acontecementos cunha ampla participación das masas, en segundo que é un proceso no que se producen cambios e alternativas continuas, en terceiro que se vai avanzando cara a concreción de diferentes agrupamentos sociais ata quedar dous enfrontados que todo o mundo pode recoñecer; a sociedade agrúpase en dous polos antagónicos.

Nun curto espazo de tempo Lenin e os bolxeviques van conseguir modificar unha situación que parecía favorable á consolidación dunha democracia burguesa en outra onde a toma do poder polos obreiros e campesiños pobres parece a única saída á situación.

A dirección bolxevique, na que Stalin, Zinoviev e Kamenev tiñan sen dúbida moito peso político, en ausencia de Lenin, apoian a convocatoria da Asemblea Constituinte e a continuación da guerra, baseándose no “defensismo revolucionario”.

O mesmo tempo, os soviets, que non deixaran de actuar desde 1905, coordinan e dirixen a loita das masas; ilegalizan á policía política, legalizan ós sindicatos, e outras medidas que o goberno ten que ratificar. Se van constituíndo, aínda que na maioría dos casos son os partidarios da revolución burguesa quen os dominan, nun dobre poder, elemento fundamental para o trunfo de calquera proceso que pule cambios estruturais fondos.

Nestas circunstancias Lenin envía os textos de catro cartas coa intención de que fosen publicadas no diario Pravda, dirixido por Stalin e Kamenev, onde explicaba a posición que debían defende-los bolxeviques; só unha será publicada e coa aclaración de que é a posición dunha persoa a que se expresa na mesma.

En Abril, Lenin regresa a Petrogrado. Chjeidze, presidente do soviet da cidade o sauda noa plataforma dunha abarrotada estación ”Camarada Lenin, dámosche a benvida a Rusia en nome do soviet de Petrogrado e da revolución…creemos que a tarefa fundamental da democracia revolucionaria, hoxe, é a defensa da nosa revolución de calquera clase de ataques, veñan de dentro ou de fora…esperamos te unas a nós no esforzo por logralo…”. A resposta de Lenin dirixíndose ó xentío: “Queridos camaradas, soldados, mariñeiros e traballadores: síntome feliz de saudarvos en nome da vitoriosa revolucións rusa; de saudar en vos a vangarda do exército proletario internacional…non esta lonxe a hora en que, ó chamamento do noso camarada Karl Liebknecht, o pobo volverá as armas contra dos capitalistas que os explotan…a revolución rusa feita por vos, abriu unha nova era. ¡¡Viva a revolución socialista mundial!!”. Despois dirixiuse á sé do partido bolxevique dende cuxo balcón volveulle a falar ás masas afervoadas e unha vez no interior iniciouse un debate no que Lenin, rachou coa liña moderada encarnada pola dirección de Pravda, os camaradas Stalin e Kamenev. Raskolnikov, dirixente bolxevique dos mariños de Kronstandt dixo con rotundidade despois de escoitar a Lenin: “entre as tácticas de onte e hoxe, había un Rubicón”.

O día seguinte da súa chegada, celebrase no Pazo Tauride unha xuntanza para tentar unificar a todos os grupos da socialdemocracia rusa, Lenin e os seus partidarios conseguen quebrar toda esperanza de unificación, delimitando con claridade o campo da burguesía e o do proletariado en alianza co campesiño pobre.

Días máis tarde Pravda publicaba as coñecidas como “Teses de Abril” elaboradas por Lenin: 1 Non a guerra; 2. é o momento do paso da primeira etapa da revolución que lle deu o poder á burguesía, á segunda etapa que debe poñe-lo poder en mans do proletariado e dos sectores pobres do campesiñado. 3. Ningún apoio ó goberno provisorio. 4. Por estar os bolxevique en minoría na maior parte dos soviets e atoparse influenciados polos sectores burgueses e pequenoburgueses, e ser estes o instrumento fundamental do goberno revolucionario, debemos iniciar unha campaña de explicación dos erros da súa táctica ó mesmo tempo da necesidade “de que todo o poder pase ós soviets de deputados obreiros, para que sobre a base da experiencia as masas superen os seus erros”. 5. “non a unha república parlamentaria, senón a unha república de deputados obreiros…”. 6. confiscación de todas as terras dos terratenentes. 7. fusión de todos os bancos do país nun banco nacional único. 8. poñer toda a produción social e a distribución dos produtos baixo o control dos soviets. 9. sinalaba diferentes tarefas para o partido, entre outras a de cambia-lo nome polo de Partido Comunista, e a 10 estimulaba a renova-la Internacional.

Stalin e Kamenev escribirán en Pravda comentando as Teses de Abril: “En canto á formulación xeral de Lenin, nos parece inaceptable por partir do suposto de que a revolución burguesa xa foi consumada e contar cunha transformación inmediata desta revolución en outra de carácter socialista”.

Na Conferencia do Partido Bolxevique de maio o trunfo das “Teses de Abril” é esmagador e prodúcese a unificación co grupo de Trotski, que tiña certa influencia entre os obreiros da capital. Pero aínda que Lenin ratificou o seu liderado, as voces discordantes foron numerosas e tiñan peso político, Dzerzhinski, Kamenev, Kalinin, Smidovich e outros dirixentes. Stalin permaneceu calado.

Os acontecementos precipítanse; en xullo prodúcese unha insurrección popular en apoio dos soldados sublevados cando os enviaban á fronte, os bolxeviques disentindo da oportunidade, póñense á cabeza da mesma para evitar unha derrota irreversible. Iníciase unha campaña contra dos bolxeviques que leva a moitos á cadea e a Lenin ó exilio. As forzas da reacción consideran chegado o seu momento, o xeneral Kornilov sublévase para reinstaura-la monarquía, conta con apoios entre os sectores burgueses e os aliados na guerra. Os bolxeviques chaman á folga xeral e paralizan o país, o pobo ruso derrota o intento; os bolxeviques detidos son liberados, Trotski recupera a presidencia do Soviet de Petrogrado e créase o Comité Militar Revolucionario que dirixe os sectores do exército que aceptan as posicións políticas bolxeviques.

Entre agosto e o 24 de outubro do calendario ruso, co que comezabamos a nosa reflexión, so subliñarei dous elementos que poñen en evidencia a ampla democracia e o concepto aberto que se tiña da militancia no partido bolxevique, que ata nas circunstancias máis extremas, o debate era fluído, sen ningún tipo de seguidismo nin de represalias para os disidentes.

O primeiro é a constatación de que Lenin tiña que gaña-lo liderado todos os días; tiña que argumentar, convencer, debater a fondo cada unha das cuestións, para que a dirección aceptara as súas propostas que nunca foron aprobadas por unanimidade. Cando Lenin propón por primeira vez a insurrección armada, só é favorable á mesma o seu voto.

Unha segunda tamén importante, cando a insurrección ía adiante, Kamenev e Zinoviev, dous líderes bolxeviques, denuncian o feito publicamente e non se toma medida algunha contra dos mesmos.

Nestes anos, cando o normal nos partidos é que “ o que se mova non sae na foto”, cando a discusión en termos políticos esta ausente, cando as consignas substitúen ós argumentos, cando o discurso baleiro de contido é o normal, non esta de máis recordar a democracia dos bolxeviques que debe ser un exemplo para as organizacións da esquerda.

E finalizo cun parágrafo do final do devandito artigo de Gramsci: “Será en principio o colectivismo da miseria, do sufrimento. Pero as mesmas condicións de miseria e sufrimento, serían herdadas por un réxime burgués. O capitalismo non podería facer máis en Rusia que o que poderá facer o colectivismo, porque tería deseguido en contra un proletariado descontento, frenético, incapaz de soportar en beneficio doutros as dores e as amarguras que traerían consigo a mala situación e o atraso de Rusia. O sufrimento que seguirá á paz só poderá ser soportado en tanto en canto o proletariado sinta que esta na súa vontade, na súa teima polo traballo, o suprimilo no menor tempo posible.”

Despois de outubro do 17 prodúcese a intervención imperialista enmascarada na guerra civil e o comunismo de guerra, a etapa da nova política económica, o gran debate sobre a orientación da URSS, que fora creada en 1922, o período stalinista, a tímida apertura da época de Kruschev, o estancamento con Bresniev, a perestroika da etapa gorvachoviana e o derrube, desmembramento e espolio das propiedades do pobo soviético. A revolución soviética significou a luz para millóns de traballador@s do planeta, con sombras, que os ideólogos do capitalismos queren engrandecer; pero a pesares das mesmas, algúns cualificaron ó século XX como o século do comunismo, pois non serían comprensibles os avances sociais, incluídos os levados a cabo nas sociedades capitalistas, a derrota do nazismo, as loitas contra o colonialismo, as de liberacións popular, os avances en grandes áreas do planeta vítimas dun atraso secular, sen a existencia da URSS.

En Galicia no mes de Novembro de 2007

Carlos Dafonte.

Posted by at 18:21:46 | Permalink | No Comments »

Monday, November 5, 2007

“EEUU É UNHA DEMOCRACIA IMPERIALISTA MAIS TEN LEXISLACIÓN DE ESTADO POLICIAL

A Coruña, 30 de outubro de 2007

O profesor norteamericano James Petras é un dos intelectuais da esquerda
mundial que rexeitan con máis vehemencia o neoliberalismo e o imperialismo.
Hai días visitou Galiza para pronunciar conferencias en Compostela e Vigo.
Petras fixo un oco na súa axenda para responder as preguntas da
CIG-Comunicación horas antes de regresar ao seu país.

Antón Álvarez: Vostede vén denunciando desde hai tempo que EE UU practica a
tortura e que mesmo está a lexislar para legalizar a súa aplicación contra
aquelas persoas acusadas de terrorismo. Até que extremo pode chegar o
Goberno norteamericano?

James Petras: Non é ningún secreto que EE UU raptou persoas acusadas de
terrorismo que non foron xulgadas e que ademais foron entregadas a países
onde habitualmente se tortura. EE UU practica tortura en Irak co apoio do
anterior Fiscal Xeral, Alberto Gonzales. O presidente Bush xustificou o uso
da tortura coa mesma linguaxe que emprega Israel, ao falar de utilizar
métodos intensos de interrogatorios para salvar vidas norteamericanas, o que
non deixa de ser un eufemismo.

Xa temos forzas especiais que operan en todo o mundo e que se xustifican
como parte da guerra internacional contra o terrorismo. Non teñen obriga de
ofrecer informes ao Congreso e nin moito menos á sociedade. Non sabemos
cantas persoas mataron, raptaron ou torturaron. Mais si sabemos que operan
sen restricións.

O sistema norteamericano segue a funcionar como unha democracia imperialista
mais a lexislación existente é dun estado policial. En calquera momento, o
Executivo pode suspender as poucas proteccións legais que aínda hai e
encarcerar os cidadáns. Agora practica estas medidas a moitos musulmáns, a
moitos árabes. Gran cantidade destas persoas sufriu en EE UU detencións,
interrogatorios e rexistros domiciliarios sen que se lle dese publicidade.
Houbo xuízos contra organizacións caritativas musulmás simplemente polo
testemuño de axentes secretos de Israel. Estas medidas están tan afastadas
de todas as normas constitucionais que, nalgunhas instancias, o Poder
Xudicial mesmo suspendeu algunha lexislación. Porén, o básico é que o
Goberno segue adiante e co apoio do Partido Demócrata.

Agora non é necesaria ningunha orde xudicial para controlar calquera
conversa telefónica. Tampouco existe límite legal algún para os acusados de
seren terroristas ou colaboradores destes. Estas medidas son tan elásticas
que poden afectar millóns de persoas críticas, mais de momento se aplican de
maneira selectiva.

Temos unha nova organización de seguridade, a “Homeland Security”, cun
orzamento de 180.000 millóns de dólares só para o control dos cidadáns en EE
UU. Este organismo está dirixido por un sionista fanático chamado Chertoff,
que ten antecedentes de persecucións de árabes e musulmáns despois do 11-S e
que os encarcerou sen ningún pretexto. O próximo Fiscal Xeral do Estado, que
substituirá Alberto Gonzales, vai ser outro sionista fanático que xustificou
as leis represivas de Bush.

Seguimos a funcionar dentro duns parámetros ameazantes. Algúns sectores da
poboación xa viven nun estado policial. Outros ficamos fóra mais estamos
ameazados coa aplicación destas medidas. Algúns din que se en EE UU hai
outro atentado, real ou inventado, o Goberno podería pór en práctica estas
medidas policiais contra todos nós.

Antón Álvarez: A que se refire ao falar doutro atentado real ou inventado?
Existen dúbidas acerca da autoría do 11-S?

James Petras: Si. Hai moitos cuestionamentos sobre estes feitos, sobre como
caeron os edificios tendo en conta a estrutura de aceiro que existía. Outros
cuestionamentos apuntan cara a falta de anticipación do Goberno ou sobre a
febleza das probas contra os terroristas. A premisa é que o Goberno
norteamericano permitiu o ataque para aproveitalo. Hai probas de que o Mosad
foi cómplice. Existen probas policiais que indican que houbo israelís que
celebraron o atentado ao pouco de producirse e que foron denunciados polos
veciños polo ruído que estaban a facer. A policía prendeunos mais o Fiscal
Xeral recentemente nomeado foi o xuíz sionista que os liberou antes de seren
xulgados.

Antón Álvarez: En que se fundamenta o poder do lobby sionista ao que
constantemente fai mención? Cando se comezou a xestar?

James Petras: O poder do lobby sionista en EE UU é produto dunha acumulación
de forzas durante un período prolongado. Non é algo insólito a influencia
que adquiriu, particularmente despois da Segunda Guerra Mundial e coa
fundación do Estado de Israel. Tamén influíu o éxito económico dos xudeus.
Pasaron das súas orixes pobres e das súas posturas progresistas nos anos
trinta a convertérense en clases medias e altas, ademais de asumir a defensa
do Estado de Israel. Xa poucos son relixiosos e Israel serve como unha
relixión secular. Xa non cren na Torá nin en Moisés.

O lobby sionista en EE UU recibiu un gran impulso coa vitoria israelí na
guerra de 1967. Moitos sionistas norteamericanos foron asentándose en áreas
de grande influencia, en Hollywood, na televisión, nos círculos académicos,
nas finanzas, etc. O 24% dos homes máis ricos de EE UU son xudeus-sionistas.
Ademais, o Estado de Israel lévase o 33% do orzamento de axuda exterior dos
EE UU, máis que toda África.

Nos últimos vinte anos os sionistas penetraron no Goberno en postos
estratéxicos. O Goberno de Bush é ilustrativo. Teñen o control do segundo e
terceiro do Pentágono, o arquitecto da guerra de Irak; do asesor principal
do vicepresidente, o que escribiu o discurso de Bush sobre o “Eixe do Mal”.
Outro destacado sionista é o asesor principal do Consello Nacional de
Seguridade sobre Oriente Medio. Hainos noutros ámbitos do Goberno. Non hai
nada que inventar, están aí, déixanse ver.

O 60% do financiamento do Partido Demócrata e o 30% do Partido Republicano
proceden de fondos de sionistas de EE UU. O lobby condiciona a política dos
partidos cara Israel e estabelece unha poderosa maquinaria de chantaxe e
intimidación contra aqueles candidatos que a desafíen.

Os sionistas crearon conflito na cúpula militar estadounidense. Hai
militares que non queren subordinar os intereses imperialistas de EE UU ás
ambicións coloniais de Israel. Consideran que se poden perder aliados
potenciais de Estados Unidos nos países árabes. O lobby impón o seu poder
sobre os militares norteamericanos.

Outro debate é a guerra contra Irán. Aínda hai entre os militares moitas
reservas para atacar este país neste momento. Os protagonistas desta posible
guerra son os sionistas. A consigna dállela o primeiro ministro de Israel
para que fagan todos os esforzos para lograr sancións de EE UU, actos
unilaterais, ataques militares.

Non hai teoría da conspiración. Os sionistas norteamericanos actúan
publicamente. Mais eles non pensan nas consecuencias para EE UU nin para o
seu pobo. Só pensan en destruír outros países críticos con Israel, países
que se opoñen á hexemonía israelí en Oriente Medio. Por iso os sionistas
consideran que a guerra de Irak é un éxito, a pesar de que para EE UU é un
auténtico fracaso. Irak agora está destruído e desarticulado, polo tanto,
Israel perdeu un adversario na súa política de colonización.

Movemento obreiro e dereitos sociais en EE UU

Antón Álvarez: Existe movemento obreiro organizado en EE UU? Como funcionan
os sindicatos?

James Petras: O sindicalismo en EE UU sempre foi pouco democrático. Non hai
ningún dirixente sindical a nivel nacional que cobre menos de 300.000
dólares ao ano. Mesmo, algúns dos peor pagados, os líderes dos sindicatos de
limpadores, gañan 400.000 dólares anuais. Os dirixentes do sindicato de
peóns da construción gañan case 700.000 dólares. Ademais, tivemos unha
grande tradición de relacións entre a mafia e os sindicatos, nomeadamente
entre sindicatos de camioneiros e portuarios, particularmente os da Costa
Atlántica.

Tivemos enormes estafas de fondos de pensións manexados polos sindicatos.
Existe por parte dos sindicatos estadounidenses a política de colaboración
de clase e a tendencia a aceptar as reestruturacións e as indemnizacións por
despedimentos. Nos últimos corenta anos a porcentaxe de traballadores
sindicalizados no sector privado pasou do 30% ao 7%. Moitas grandes empresas
non teñen presenza de sindicatos. No sur, a Toyota ou a Nissan tampouco
teñen sindicatos. Isto débese en parte á desconfianza dos obreiros cara as
organizacións sindicais. Os traballadores ven como poden conseguir case o
mesmo, por exemplo melloras salariais, sen os sindicatos.

Os sindicatos non se atreven a organizarse politicamente en EE UU. Financian
en gran parte ao Partido Demócrata, concretamente en 50 millóns de dólares
ao ano, mais non reciben a cambio nada substancial como derrogar leis
restritivas. O que reciben os sindicalistas son protección dos seus postos.
Entón, quedamos ante unha situación sindical en decadencia, cun sindicalismo
moi debilitado e pouco atractivo. Curiosamente, as enquisas amosan que máis
do 50% dos norteamericanos considera que a sindicación pode ser unha boa
idea.

Por exemplo, a cúpula do sindicato do automóbil asinou un contrato oneroso
que divide os obreiros pola antigüidade na empresa, entre novos e vellos. Os
primeiros reciben un terzo do salario dos segundos. O sindicato, ademais,
asume a responsabilidade do plan do saúde dos traballadores.

Mais o sindicalismo de base non está morto en EE UU. Hai moitos obreiros con
vontade de loitar pero as canles existentes están bastante atrofiadas. Hai
lugares onde existen sindicatos progresistas, como nalgún portuario en San
Francisco. Temos as asociacións de inmigrantes que se lanzaron á rúa o ano
pasado contra as expulsións masivas. Porén, este fenómeno produciuse á marxe
das cúpulas sindicais, que foron as últimas en subírense ao tren das
reivindicacións dos inmigrantes.

Antón Álvarez: Mencionaba antes os plans de saúde. Como é a cobertura
sanitaria existente en EE UU?

James Petras: Existe o Plan Nacional de Saúde para maiores de 65 anos, que é
amplo e non é nada malo. Á parte, hai un sistema público para as persoas que
viven na pobreza extrema. Sen embargo, a grande maioría dos cidadáns que non
viven na extrema pobreza e que non son xubilados dependen dos plans de saúde
das empresas. E, se perdes o traballo, perdes o plan de saúde. Temos 50
millóns de persoas sen cobertura sanitaria. Hai outros 50 millóns que teñen
un algún plan mais que teñen que pagar un mínimo de 3.000 dólares antes de
comezalo, ademais das cotas cada vez máis elevadas que deben desembolsar
para mantelo.

Tamén hai persoas que só teñen un seguro médico para enfermidades moi
graves. Esta razón explica que as persoas que carecen de cobertura sanitaria
teñen as taxas máis altas de mortalidade. Por exemplo, rexístranse tres
veces máis casos de cancro de mama entre as mulleres negras porque non van
facer as revisións, pois custan cartos.
As empresas cada vez máis deixan de pagar o plan de saúde. Agora
xestiónannos os sindicatos mais en moitas ocasións teñen que costealos os
propios obreiros.

Antón Álvarez: E que acontece coa educación?

James Petras: O ensino universitario é o máis custoso do mundo. A matrícula
anual nas universidades públicas oscila entre os 8.000 e os 9.000 dólares.
Nas privadas entre os 30.000 e os 40.000 dólares. Moitos estudantes teñen
débedas. Ademais, as escolas técnicas tamén cobran en torno aos 3.000
dólares ao ano.

A primaria e secundaria son de balde. Mais, nos estados con impostos baixos,
o sistema educativo público é malo. Entón, as clases medias optan por mandar
seus fillos á privada, pese a que teñan que pagar 15.000 dólares. Por tanto,
as escolas públicas fican reservadas para os negros e os hispanos.

Situación da esquerda

Antón Álvarez: A esquerda política está articulada EE UU?

James Petras: Temos un sector da sociedade que non está organizado pero que
é moi progresista, sobre todo en relación coa retirada das tropas de Irak. O
80% da poboación quere unha cobertura universal de saúde a nivel nacional.
Mais non hai ningún liderazgo político capaz de implementar estas demandas.
Ser elixido senador costa case 40 millóns de dólares; congresista 20 millóns
e 500 millóns ser presidente de EE UU. Por tanto é imposíbel para os
sectores críticos conseguir espazos nos medios de comunicación de masas. Os
dous partidos exclúenos dos debates. Ademais, rexistrar un partido require
moito esforzo e logo hai que financialo.

As cúpulas do movemento pacifista decidiron pór as súas fortunas en mans
electorais. Entón puxeron todos os seus activistas a traballar polos
candidatos demócratas. Estes conseguiron maioría no Congreso. Mais ao final
votaron a favor do orzamento militar de Bush. EE UU é un país sen oposición
política.

Existen organizacións sociais progresistas, partidarias da paz e algún
concelleiro e alcalde progresistas. Logo están os grupos de homosexuais,
feministas, pacifistas, ecoloxistas, mais están moi fraccionados.

Antón Álvarez: E que hai do movemento antiglobalización?

James Petras: Está morto desde Seattle. Ten moitas siglas. Os seus
activistas van as conferencias mundiais. Pero non representan a ninguén en
EE UU. Non poden pór a ninguén na rúa. Vanse por aí adiante e falan no nome
dunha masa que non existe. En EE UU, grande parte da poboación é crítica coa
Globalización, pero máis desde un punto de vista conservador e
proteccionista que progresista.
Antón Álvarez: Cales son, ao seu xuízo, as esperanzas da esquerda
internacional?
James Petras: En varios lugares do mundo o pobo loita, como en Irak. Hai
avances en América Latina co presidente Chávez. Tamén se está a producir
unha reactivación de movementos populares en Brasil contra Lula. Hai grandes
expectativas en Ecuador. En Colombia hai grandes mobilizacións de campesiños
e obreiros. Tamén en Francia e Italia hai movementos fortes que van
paralizar os neoliberais Sarkozy e Prodi. Lentamente, tamén nos países ex
comunistas. En China hai máis de 100.000 protestas masivas ao ano de
obreiros, campesiños. Mais cómpre ver como evolúe todo isto. Non teño
ningunha fórmula máxica.


Posted by at 21:28:39 | Permalink | No Comments »

Thursday, October 4, 2007

INTERNET E A ORGANIZACIÓN DA ESQUERDA ANTICAPITALISTA

Internet e o desenvolvemento nos medios de comunicación -pois internet é, en esencia, un medio de comunicacion de masas- é a imperialismo capitalista o que a imprenta de Gutemberg ao poder feudal. Gutemberg coa súa imprenta sacou a cultura e os libros dos mosteiros e lévoa ás cidades, ás universidades.

Lutero, ao seu xeito, fixo exactamente o mesmo coa biblia, é máis un é incomprensible sen o outro.

De feito, Marx dicía que a cada sociedade correspóndese cun desenvolvemento das forzas produtivas, por iso, só na decadencia do capitalismo, cando todas as precondiciones para o socialismo están dadas, é posible que se desenvolva un medio de comunicación tan “social” como internet. O salto cualitativo só darase logo da revolución, cando todas as súas capacidades póñanse ao servizo do desenvolvemento da humanidade e non da pornografía, o consumo ou a mentira.

O marxismo, e os marxistas, dentro das posibilidades, son os que máis utilizan a tecnologia de internet para as súas actividades; senón non hai máis que ir a unha librería “tradicional”, onde é case imposible atopar un libro de Marx, Engels, Lenin, Trotski, Rosa, etc.etc. Un entra en internet e telos por todos os lados. E iso non cae do ceo, senón que hai xente e organizacións que o fan, cólganos, imos.

O que hai que estudar e racionalizar é o papel de internet para organizar -recomendo lerse a Lenin no seu libro Que Facer? falando da prensa, ou de Trotski falando da cine en 1920 como ferramenta de propaganda-, para a propaganda, como sortear as LSS que desde os gobernos queren impor, etc.

Non creo que, como din moitos, o marxismo vaia atrasado respecto ao uso de internet. Outra cousa é a base social de marxismo, a clase obreira. Pero iso non é ningunha novidade, a clase obreira rusa era maioritariamente analfabeta, e organizáronse círculos de lectura da prensa bolxevique, porque, entre outras cousas, o que sabía ler era o bolxevique. O uso de internet aínda esta restrinxido a sectores da sociedade, e moi desigual, pero nunha fase de expansión da súa utilización.

Internet é un instrumento de socialización da información, facilita e fai circular as noticias rapidamente, sácaas da censura dos grandes medios privados (véxase o que sucedeu coas viñetas do Xoves), e pode ser un gran medio de organizacion; pero nunca vai substituír a loita na rúa, a destrución do estado burgués e a expropiación da propiedade privada dos medios de produción; entre outras cousas, porque internet, o seu desenvolvemento, baséase xusto nesa propiedade privada. O salto darao cando xa non exista propiedade privada.

Mentres este salto non se dá, está claro que é unha ferramenta privilexiada que os anticapitalistas debemos utilizar para establecer redes, intercambiar debates, centralizar orientacións e, en suma, organizar aos grupos que se moven na mesma liña de loita contra o sistema e as súas institucions, baixo os mesmos parámetros políticos.

Galiza, 22 de setembro de 2007

Roberto Laxe

 

Posted by at 21:30:05 | Permalink | No Comments »