Friday, December 21, 2007

SOBRE O REFERENDUM CONSTITUCIONAL EN VENEZUELA

Se o debate producido e as informacións dadas no estado español sobre o referendum celebrado en Venezuela o día 2 de decembro, serviran de termómetro para establece-lo grao de saúde do sistema democrático, habería que chegar a conclusión de que se atopa enfermo, en situación agónica.

O mesmo diagnóstico que se puido facer con ocasión do golpe de estado de 2002, que contou , segundo dixo o actual ministro de asuntos exteriores señor Moratinos, co apoio do goberno do PP e foi recibido con alborozo pola maior parte dos medios de comunicación e partidos políticos, que presentaron aquela asonada de corte fascista, como un trunfo da democracia no país sudamericano.

A Chávez, aínda que non guste a súa personalidade, a política que pula, ou o xeito de expresarse, haille que recoñecer que é posiblemente o presidente do mundo que gañou máis votacións, dentro do marco do estado democrático burgués,  dun xeito limpo e transparente e someteuse a un referendum de carácter revogatorio. É certo que tentou dar un golpe de estado pero non contra un sistema democrático, senón contra un sistema de poder corrupto en todas as súas institucións, que mantiña a máis do 70% da poboación na pobreza e excluida da participación política.

Desde meses antes do referéndum, os medios de comunicación acrecentaron a campaña de desinformación permanente, sobre o que acontece en Venezuela e a figura de Chávez. Os insultos son norma en diferentes medios, “gorila vermello” o máis común, e nun programa deportivo referíronse ó presidente venezolano coa expresión “ ese homínido”, o que deixa ver o racismo e a xenofobia existente, pois tamén son comúns expresións vexatorias e insultos cando se refiren a Evo Morales. Decenas de periodistas, personaxes coñecidos da literatura e todo canto necesita para vivir estar no “pesebre” dos grandes medios de comunicación, escribiron, escreben e seguirán escribindo barbaridades, infamias e todo tipo de acusacións contra de Chávez, mentres esquecen os fraudes electorais en EEUU, o de México, Marrocos ou a recente elección de Musharraf en Pakistán que nin pasou polas urnas e os nosos democráticos dirixentes non dixeron “nin pío”, sobre un país que conta co arma nuclear. Sen esquecer o golpe militar en Tailandia, de hai poucos meses, ante a indiferenza mundial.

Tamén é costume facelo culpable, a mesma estratexia que con Fidel Castro, de todo canto acontece en calquera lugar do seu país; como se non houbera división de poderes e todo un conxunto de leis que forman parte da superestrutura xurídico-política do réxime bolivariano; nese senso, hai poucos meses culparon a Chávez de que un cantante de “tres ó cuarto” español, manexado polos círculos de Miami, non puidera dar un concerto en Caracas. Pero eses mesmos medios, non culparon ó rei ou ó presidente Rodríguez, de que Manu Chao e Muguruza non puideran cantar en Murcia, Madrid ou Valencia.  Nin a Esperanza Aguirre ou Rajoi, Aznar ou outro calquera dirixente do PP, posto que nesas comunidades goberna ese partido.

Pero o momento culminante desta campaña chegou á redor do exabrupto proferido polo xefe do estado español no recen clausurado cumio latinoamericano celebrado en Chile. Calquera demócrata sentiríase avergoñado pola actitude do rei. Calquera cargo político ou institucional que levara a cabo unha acción como a do rei, sería obrigado a dimitir de inmediato, pero a nosa constitución exime de toda responsabilidade política ó monarca e os medios, como bos súbditos, adicáronse a aplaudir unha intervención irresponsable, impropia dun personaxe que ocupa a máis alta representación do país e que se lle supón, pola súa traxectoria política, que debe ter certa experiencia.¡¡Canta necesidade temos da República!!

Neste cumio ó marxe da actuación do rei, que descualifícase por se mesma, púxose en evidencia que algo cambiou en Latinoamérica e xa non se pode ir, como fixo o presidente Rodríguez, co vello discurso neocolonialista dando leccións de democracia, cando desde altas instancias do estado español apoiase un golpe de estado de corte fascista, nin a encomiar e apoiar ás empresas transnacionais de matriz hispana, pois te podes atopar con determinados mandatarios elixidos polo pobo, que expresan a realidade do que pensan os seus electores: que non se pode ser demócrata no propio país e inducir fora ó fascismo, iso é unha contradición insuperable, e que as empresas de matriz española en Latinoamérica van a facer negocio, aumenta-los seus beneficios a calquera prezo, non a realizar un labor social, e polo tanto nada hai que agradecerlles, e a maioría das veces, os servizos que teñen contratados, nos os levan a cabo coa dilixencia que deberían.

Teño a impresión de que tamén a campaña contra Chávez é unha cortiña de fume, para non falar, e manter @s habitantes do estado español ó marxe dos problemas reais que si lles afectan, a suba dos prezos, o endebedamentos das familias, a precariedade laboral, e sobre todo algo que queren aprobar sen que se saiba nada dos seus contidos, cando nos vai afectar a tod@s: o novo texto de Constitución Europea, ou Tratado, ou o que sexa, aprobado en Lisboa hai uns meses e do que tanto o presidente Rodriguez, como o seu opositor Rajoi, non queren dicir nin verba e están disposto a seguir neste mutismo coa complicidade de todos os medios de comunicación da oligarquía económica que domina este país. É curioso, preocupante e antidemocrático, falar máis de Chávez e Venezuela que da Constitución Europea, de cuxo texto dixo o antigo presidente do Parlamento Europeo e destacado membro do PSOE, Enrique Barón, que era incapaz de entender nada. ¡¡¡Pois figúrese a xente de a pe!!!

Pero a campaña contra a chamada revolución bolivariana, ten un cerebro e uns obxectivo claros, os imperialistas, xenófobos e practicantes do terror cotiá contra numerosos pobos do planeta, que dirixen a administración dos EEUU de Norteamérica que consideran ameazado o seu control no “seu patio traseiro”, pola política do presidente Chávez.

E hai varios vectores desa política bolivariana que deben preocupar ós imperialistas. En primeiro lugar o rexeite do ALCA, un tratado de “libre comercio” proposto polos EEUU que, entre outros beneficios permitiría “ós do norte” vender produtos no sur e impedir que os producidos no sur foran vendidos no norte. Que os gobernos tanto dun estado como dunha provincia ou municipio non poderían esixir a un inversor estranxeiro, ianqui por suposto, transferencia de tecnoloxía, nin que cree postos de traballo, ou que utilice insumos ou servizos de produción nacional, nin que poda poñer límites á repatriación de capitais ou remesa de utilidades e dividendos, e ademais concede ós inversionistas, de EEUU esta claro, a facultade para demandar diante de tribunais estranxeiros ós gobernos dos estados, provinciais ou municipais que aproben normas que rebaixen as súas ganancias, por exemplo se tentan impoñer o salario mínimo.

Estes son algúns dos aspectos leoninos que os EEUU de Norteamérica tentaban impoñer a centro América e o cono sur. Pois ben Chávez conseguiu liderar a oposición ó ALCA e que algúns países non o asinaran, máis que nada porque moitos pobos coñeceron grazas a Chávez o que os seus gobernos estaban dispostos a aceptar. E entre Cuba e Venezuela lanzaron o ALBA, Alternativa Bolivariana para Las Américas, que representa un exemplo de comercio xusto. En abril de 2006 sumouse Bolivia, no 2007 Nicaragua e Ecuador esta en tratos para tamén incorporarse.

Comeza a establecerse unha liña divisoria entre os países que firmaron acordos cos EEUU, hipotecando o seu futuro, e calquera posibilidade de controlar a economía, México, Perú, Chile e Colombia e aqueles outros que potencian unha integración rexional e que se opoñen ás políticas neoliberais, debilitando a hexemonía dos imperialistas.

Un segundo aspecto e o intento de rachar coa hexemonía informativa da que gozan os EEUU, por medio das súas “empresas de desinformación” e a busca dunha información alternativa. Nesta idea xurde TELESUR como alternativa ás empresas neoliberais que dominan os canles informativos. Por iso a campaña pola non renovación da concesión administrativa á emisora golpista venezolana Radio Caracas Televisión, foi tan dura e global. Do que se trata e de crear estruturas informativas ó servizo dos diferentes pobos, liberadoras, capaces de mantelos alerta e informados, a verdade segue a ser revolucionaria, transmisores de cultura popular. Tanto os EEUU como a Unión Europea saben o que se xogan, os intereses económicos son moi importantes, habería que falar por exemplo das alianzas económicas de PRISA co grupo de Cisneros, un dos principais opositores a Chávez e o control sobre numerosos medios de comunicación de América Latina, o papel de Filipe Gonzalez como asesor de Slim e outros magnates latinoamericanos das comunicacións, a venda, en tempos do seu goberno a Cisneros de Galerias Preciados.

Outros proxectos preocupantes para os imperialistas son o Banco do Sur, que se fixo realidade o 9 de decembro en Bós Aires, o Gasoduto do Sur, Petrosur ou o ingreso de Venezuela en Mercosur. Demasiados proxectos que poñen en cuestión a hexemonía dos EEUU como para que non intenten, xunto cos gobernos subordinados a súa política, poñer fin ó único goberno democrático, aínda que non socialista, que tivo Venezuela nos últimos anos. Xa o dixen hai tempo, o neoliberalismo e o mercado, non soportan a democracia.

Tampouco hai que esquecer que Venezuela asinou 11 convenios con China nos últimos tempos, en materia financeira, enerxética e tecnolóxica. É sintomático que aqueles países que manteñen relacións amigables con China, en África, Asia ou América, teñen problemas interno e acusacións dos que reparten os papeis de demócratas no mundo. Tampouco estan ben visto polos “amos do mundo” que Venezuela manteña relacións amigables con Irán.

Pero falemos do referendum celebrado o día 2. En primeiro lugar salientar a manipulación informativa a que se someteu @s cidadáns do estado español. Grazas a mesma, a idea máis estendida era que Chávez como presidente quería modifica-la constitución de xeito que podería perpetuarse no cargo, sen volver a ser elixido, sen someterse a novas eleccións. Dicíase, quérese converter en presidente vitalicio.

Pero a realidade do referendum, que non era único, tentaba modificar 69 artigos da constitución, aspecto sobre o que ningún medio informou en profundidade. Entre eles o 230, que ficaría: “O período presidencial é de sete anos. O Presidente ou Presidenta da República pode ser reelixido ou reelixida”. Nada contrario á democracia; o mesmo que pode facer o presidente do estado español, coa única diferencia de que en Venezuela ó presidente elíxeno directamente @s cidadáns e aquí, o Congreso dos Deputados, pois non é unha elección directa.

Pero ademais no referendum do día 2, entre outras cuestións, segundo as informacións que atopei en diferentes portais de internet, @s venezolan@s debían decidir sobre:

  • Que todos os mozos e mozas podan exerce-lo dereito de voto a partir dos 16 anos.

  • Que 5 millóns de traballador@s, ata o de agora desprotexidos, podan acceder á seguridade social.

  • Un salario mínimo para traballador@s independentes e un bono de vacacións de 22 días, con cargo a un fondo estatal.

  • Que máis de medio millón de traballador@s maiores de 75 anos que traballan na economía mergullada, podan ter unha pensión.

  • A redución da xornada diaria a 6 horas, o que permitiría a cerca de 300.000 traballadores da economía mergullada, ter un novo emprego.

  • Unha nova estrutura do estado que permita un maior control do poder por parte da sociedade civil.

  • Prohibición da especulación inmobiliaria, artigo 18.

  • Que a vivenda de cada cidadán non poda ser ameazada por medidas de carácter xudicial.

  • Prohibición do latifundio, artigo 307

  • A existencia de cinco tipos de propiedade: pública, social, colectiva, privada e mixta

  • Modificación do artigo 158 no senso de falar de Democracia Socialista onde antes se falaba de Democracia Participativa.

  • Modificación do artigo 318 no senso de falar de Estado Socialista onde antes só facíase referencia a estado Democrático e Social de Dereito.

  • O Banco Central deixaba de ser autónomo, artigo 318.


Só destaco algunhas modificacións, para que se vexa a heteroxeneidade das propostas, que teño entendido votábanse en dous bloques.

A realidade dos datos acadados polas dúas posturas, permiten dicir que a oposición, partidaria do NON, obtén un curto avance respecto ás eleccións presidenciais últimas, un 7% aproximadamente, e prodúcese unha perda considerable dos apoios ó bolivarianismo, que non se van ó bando do NON, que se quedan en casa, que van a engorda-la abstención.

¿Cales son as razóns da derrota?. Dende o meu punto de vista hai varios aspectos que poden explicala.

En primeiro lugar que o bloque bolivariano rachou; sectores posiblemente moi minoritarios mantiveron unha postura crítica e non chamaron a votar SI. Pero calquera creba é importante cando a situación é de enfrontamento e bipolaridade. No Chile de Allende, esta situación dentro da U.P. era unha realidade e hai que aprender do pasado, para non comete-los mesmos erros. Por outra banda, a construción do partido do presidente, o Partido Socialista Unificado de Venezuela, é tamén motivo de liortas e desencontros.

En segundo, creo que hai sectores sociais que non consideraban necesaria unha reforma constitucional; para levar adiante algúns aspectos propostos a consulta, podíanse modificar por medio de leis aprobadas no parlamento.

Sospeito que outros aspectos da reforma, os que teñen relación coas novas formas de propiedade, nova definición e estrutura do estado, o tema do socialismo, etc., non estan aínda maduros en sectores da sociedade venezolana, que non ten dificultade en apoia-lo bolivarianismo cotiá, pero senten certa prevención a “unha nova declaración da Habana”, nuns momentos de forte acoso internacional do imperialismo contra o proxecto, que tentaba consolidarse e dar un avance, a partires do día 2 de decembro. E é razoable habida conta de que hai prevención polas experiencias levadas a cabo na URSS e outros países, e as dificultades económicas e intentos involucionistas na próxima Cuba.

Sería importante, neste senso, coñecer socioloxicamente a abstención, a que capas do bolivarianismo afectou, se a sectores populares que consideran que nunca chegan as promesas, ou a aqueles outros máis partidarios dun “capitalismo con faciana humana”. En todo caso, polo que sigo de Venezuela nos medios que desexan informar, teño a impresión de que non houbo o debate necesario, en profundidade, na sociedade civil, sobre aqueles aspectos que afectan a estrutura e que ó meu entender poden ser os que decidiron a moita xente bolivariana, máis de tres millóns, a ficar na casa.

¿Houbo interferencias exteriores? Seguro. O diario The Washinton Post, revelou que unha axencia gobernamental dos EEUU, financiaba numerosas accións dos estudantes venezolanos co obxectivo de crear problemas ó goberno. Falouse tamén dunha chamada “operación tenazas” que aparecía nun memorandum da CIA para desestabilizar o país. Se os imperialistas son capaces de montar unha campaña de desinformación tan poderosa, a nivel mundial, a desestabilización é a segunda parte. Os EEUU son mestres neste tipo de accións. O problema é “o silencio dos cordeiros”; case todo o resto do mundo mirando para outro lado,

Pero nada esta perdido en Venezuela se hai unha análise fonda do que pasou, recoñécense os erros cometidos, e tómanse as medidas necesarias para soluciona-los, recomponse e amplíase a unidade sobre o programa de reformas e avance cara ó socialismo, e sobre todo se a xente beneficiada polo proxecto bolivariano, decátase dos límites do capitalismo e ven o socialismo como unha perspectiva necesaria.

E os que nos consideramos internacionalistas e revolucionarios, a poñer o noso saber e esforzo o servizo da loita dos pobos, que a loita do bolivarianismo tamén é a nosa loita.

Galicia Decembro 2007

Carlos Dafonte

 

Posted by at 23:16:16 | Permalink | No Comments »

Sunday, December 17, 2006

¿MORTO O CAN DESAPARECEU A RABIA?

Pinochet, o brazo executor do golpe de estado en Chile no ano 1973 que puso fin os inicios do intento de avanzar cara ó socialismo respetando á legalidade burguesa, finou hai uns días.

Creo que unha gran parte da cidadanía deste planeta, sentimos certo desacougo ó ver como un criminal máis, que actuou contra da legalidade democrática, que cometeu tremendos crimes, baixo cuxo réxime represivo torturouse a centenares de miles de chilenos, que obrigou a máis dun millón a exilarse, morreo sen ser xulgado nin condeado.

Dito o anterior é preciso facer algunhas consideracións que sobrepasan a figura do felón que ademáis amosou ser un “chourizo de altos voos” que se enriqueceu co narcotráfico, venda ilegal de armas e o cobro de sustanciosas sumas ás empresas polos seus servizos.

En primeiro lugar hai que destacar que moitos comentaristas do óbito do tirano, periodistas, políticos, xente da rúa, esquecen que o golpe militar é a culminación dun proceso de loita de clases e non resultado da vontade dun militar que actúa ó marxe do mesmo. Pinochet era un militar, como tantos outros de América Latina, a quen se lle otorgou o poder de “utiliza-la violencia lexítima” que exerce o estado sobre tod@s @s ciudad@ns, no caso de que o control exercido por parte dos máis poderosos do país, se poña en cuestión.

Estes grupos, que non son moi distintos da dereita de calquer outro lugar, e só son demócratas cando os votos lles son favorables, non tiveron ningún problema, nin moral, nin ético, nin de concencia, para desencadear o sanguento proceso do golpe e apoia-la dictadura, cando consideraron que a Unidade Popular liderada por Salvador Allende, que conseguiu por medio dos votos controlar, aínda que dun xeito parcial, algún dos aparellos do estado democrático burgués, tomaba medidas dacordo co seu programa e en beneficio da maioría da sociedade. Medidas que non tiñan un carácter socialista senón que tentaban modificar algunhas estructuras, de xeito que a explotación d@s traballador@s non fose tan brutal, e recuperar algunhas das riquezas do país que se atopaban en mans de empresas estranxeiras.

En Chile, no período 1970-73, non se tomaban medidas de carácter socialista e non había “perigo de caer no comunismo”, espantallo esgrimido por todos os explotadores para levar adiante intervencións militares contra dos pobos; levábanse a cabo reformas que sitúaban ós máis elementais dereitos humanos, ises que todos din defender, ata a dereita, no centro da vida política; dereitos conculcados dun xeito sistemático ata ise momento na sociedade chilena, en beneficio da oligarquía e das empresa dos EEUU, país do que tamén istes días fálase moi pouco.

Os Estados Unidos de Norteamérica, foron os inductores do golpe, inscrito dentro dun plan máis amplo que despois se coñecería como Plan Condor, que tiña como obxectivo o exterminio de toda a esquerda revolucionaria latinoamericana, aínda que, no furacán desatado, tamén levou por diante a sectores da reformista. EEUU foi quen fixo posible o golpe, quen o dotou de medios de todo tipo, quen o coordinou, quen lle deu o apoio político para que o resto dos paises aceptaran relacións diplomáticas co novo goberno, quen creou por medio das axencias informativas que domina, e outros medios ilícitos, a idea da destrucción da democracia no Chile de Allende. Pero hoxe a responsabilidade dos EEUU parece non existir, e todo o fincapé se pon na figura desaparecida do dictador. Eu doulles unha idea a algúns xuices estrela para que amosen a súa vontade de exercer xustiza; todavía segue vivo o principal indutor e creador de todo o plan Condor, Henry Kissinguer, atrévanse a lanzar unha orde de caza e captura contra este delincuente para sentalo nun banquillo. É o responsable de centos de miles de asasinatos en diferentes partes do mundo.

En segundo lugar, Pinochet desaparece pero para desgracia de tod@s @s chilen@s o pinochetismo segue vixente, xa que como proxecto, non é outra cousa que o neoliberalismo con estado de excepción permanente, pero neoliberalismo en toda a súa pureza, con liberalización da economía, privatizacións, etc. Comenzando polo cobre, nacionalizado polo presidente Allende y agora en mans das grandes empresas minerías que xogan cos precios ó seu antollo.

O que lle imprimía carácter á dictadura era a proposta neoliberal; díxose e con razón que Chile actuou de laboratorio, por iso o apoio incondicional dos economistas como Hayek, Friedman e demáis ralea, e os políticos e ideólogos como a señora Tatcher, Reagan ou Juan Pablo II, gran admirador do falecido.

Hoxe desapareceu o estado de excepción, pero non existe unha democracia homologable; a constitución pinochetista segue en gran parte vixente así como as leis laborais. ¿Qué fixeron os sucesores de Pinochet? Aceptar esta situación xa que o seu pensamento e tan neoliberal como o do dictador, e defenden os mesmos intereses oligárquicos; e seguen a falar do “miragre económico de Chile”, cando o único que existe son cifras macroeconómicas que son resultado do aumento da miseria e a explotación d@s traballador@s e doutros sectores da población.

Dacordo cun informe das Nacións Unidas de hai pouco máis dun ano, Chile e un dos paises cunha distribución do ingreso máis inxusta do mundo, o 20% máis rico lévase o 63% dos ingresos do pais, e o 20% máis pobre o 3,3 %. Para afinar máis, o 10 % dos maís ricos posee o 47 %. En ese informe situábase a Chile á mesma altura que paises como Zambia e Honduras. Eses son os resultados da brutal dictadura e do “miragre chileno”, explotación e marxinación da gran maioría da sociedade.

Ademáis, a súa economía ligada principalmente ás actividades extractivas, mineria, forestal e pesca, ten graves problemas estructurais que non foron enfrontados polas clases dominantes no seu momento, e de novo vai repercutir sobre os máis desfavorecidos.

Chile vive unha situación límite, con máis de dous tercios da súa poboación no umbral da pobreza, o que posibilita un estalido social sen precedentes. A revolta de moitas barriadas francesas é un antecedente que as clases explotadoras do mundo non deixan de analizar. Por iso as clases dominantes en Chile toman medidas respeto ó que se chama “a cuestión social”; e a pesar de que o dictador cumpliu o seu papel, e as organizacións populares e revolucionarias teñen unha forza moi cativa, o seu exterminio era o obxectivo prioritario da dictadura, hai condicións obxectivas para o seu rexurdimento.

A situación obriga a tomar medidas para neutralizar esa posibilidade; Bachelet, a nova presidenta, non representa un xiro á esquerda, só a necesidade de neutralizar e cooptar a sectores que poden representar un perigo para o futuro; e para o que non se someta, toda unha serie de ferramentas xurídicas para reprimir ós díscolos, e recortar as xa minguadas libertades d@s chilen@s. Política de “pao e cenoria”. E “os demócratas de toda a vida” na Unión Europea aplaudindo.

C. Dafonte

Posted by at 22:40:37 | Permalink | No Comments »

Thursday, December 14, 2006

A MORTE DUN DICTADOR

Pinochet, responsable das mortes de miles de traballadores e estudantes chilenos morreu na súa cama. Ainda ca súa morte é unha moi boa noticia para os pobos do mundo -da morte non se libra ninguen, por moi xenocida que poda ser-, librouse de ter que respostar dos seus crimes, de ter que respostar diante do pobo chileno das atrocidades cometidas polos secuaces da DINA, polos desaparecidos e torturados, pola traxedia acontecida no Estadio de futbol de Santiago de Chile, onde foi morto, entre outros centos, Victor Jara.

Librouse por unha transición politica que lle garantiu a imunidade a pesares das denuncias e demandas. Unha transición “pacifica”, cunha lei de punto final para os seus complices, e cunha constitucion “democrática”, coas liberdades democráticas “administradas” polos mesmos que no 73 as reventaron.

Nesa data, os traballadores chilenos loitaban polo socialismo, a súa derrota só truxo capitalismo salvaxe. Nesa misma, Chile foi unha adiantada: ou unha revolucion avanza cara o socialismo ou retrocede a barbarie capitalista.

E o rexime levantado sobre a derrota dos traballadores chilenos foi un “adiantado” no mundo: foi o primeiro que puxo na práctica os dictados de Milton Friedman e os “chicagos boys”, baseado na aplicación dos principios do capitalismo que hoxe vivemos no mundo, é dicer, na superexplotación dos traballadores, na privatizacion absoluta dos servizos publicos, etc.

Por iso, é que dende todas as potencias do mundo, dende os USA e Europa, dende o mesmo capitalismo chileno, non había moito interese en levar a xuizo ao criminal; non podían procesar ao can que eles mismos puxeron contra o pobo. Só as exixencias dos familiares, dos estudantes, dos traballadores chilenos, co apoio do resto do mundo, consiguiu, polo menos, que non pudera saír do seu país sen verse, como se viu, arrestado en Londres o longo de 500 días. So a colaboura de todos, desde Aznar ata Thatcher, lle permitiu voltar a Chile.

E, o fin, o “can” morreu. Pero desgraciadamente na súa cama. Porque non é que historia o “xulgue”, como din o ministro Moratinos (o peor pensando na Lei da “des” memoria historica que quere aprobar o seu goberno). As familias dos mortos dos desaparecidos, aos torturados e detidos, os perseguidos, e o pobo traballador en xeral non lle basta ca “historia xulgue”, é un saúdo a bandeira, para salvar a cara dos dictadores, dos seus complices.

Son os pobos quenes teñen que xulgar os opresores. No caso de Chile agora lles toca facer xustiza cos complices de Pinochet, incluidos os capitalistas que fixeron fortunas coas súas politicas economicas.

Todo isto ten facer reflexionar aos traballadores e democrátas do Estado Español, que deixaron as súas vidas na loita contra o franquismo.

O admirado de Pinochet, o dictador Franco, tamen morreu na súa cama, e os seus herdeiros tamen fixeron unha transición “atada e ben atada”, baseada na amnesia total (o pobo que esquece a súa historia, está condeado a repetila), garantíndo a amnistía para os torturadores e asasinos, administrada polo exercito e o xefe do estado posto polo dictador, que, como Pinochet, ten garantida a súa impunidade. Da mesma maneira que Pinochet admiraba a Franco, semella que a súa transición copiou palabra por palabra a feita no Estado Español.

O hipocrita da cuestion é que os mesmos que procesaron a Pinochet, o xuiz Garzon ou o goberno Zapatero, que ven ben que se procese a dictadores (Videla ou Sadam), negánse a revisar a transición española, a revisar os “procesos xudiciais” da dictadura, e nin falar, da máis grande decisión “xudicial” da dictadura, a imposición do Xefe de Estado, o monarca.

Oleiros, a 11 de decembro de 2006

Roberto Laxe

Posted by at 12:08:56 | Permalink | No Comments »

Friday, December 8, 2006

UNHA NOVA VICTORIA DEMOCRÁTICA DE HUGO CHAVEZ, E VAN….

Chavez, dun xeito rotundo, volve gañar unhas eleccións presidenciais en Venezuela.

Tod@s @s observador@s internacionais, moit@s só presentes co obxecto de atopa-la máis cativa irregularidade para desprestixia-lo proceso, tiveron que recoñecer, como nas anteriores convocatorias, que a limpeza democrática foi a norma.

En Venezuela estáse a producir unha revolución, a xente vota e os resultados expresan o que os venezolanos queren, antes non era así e a “democrática” comunidade internacional calaba, hai campañas de alfabetización para poñer termo a esta lacra, reparto de terras entre os campesiños, progrésase na atención sanitaria da xente, a sociedade civil estructúrase, a riqueza producida pol@s traballador@s repártese con maior equidade, disminuindo o índice de pobreza, as mafias partidarias e sindicais que expoliaban ó pais e mantiñan na pobreza ó 80% dos seus habitantes, desmanteladas en gran parte, un importante sector do exército atópase comprometido co proceso en marcha, o imperialismo en retroceso na medida en que crece un sentimento en contra do mesmo nas clases populares e as súas propostas, como o ALCA está paralizada no país, ó tempo que desde o estado púlanse políticas de carácter internacionalista…son tantas as reformas e transformacións levadas adiante no país, en diferentes eidos nestes anos, que pódese falar dunha revolución en marcha.

Estamos ante un proceso moi importante, non só para Venezuela senon para todo o continente, pero que aínda non rebasou os límites do que se pode considerar unha revolución democrático-burguesa.

Un proceso que tamén é froito das contradiccións que o sistema capitalista provoca entre a burguesía nacional e a trasnacional, un proceso que seguirá avanzando, se un golpe de estado estimulado polos “demócratas occidentais” non o frea, ata que a contradicción capital-traballo só poda ser resolta expropiando á burguesía; e entón, coñeceremos as intencións de cada un dos actores actuais, os seus límites, e o papel que van xogar ás institucións do estado democrático-burgués. Entón terá chegado a hora da verdade e veremos se “socialismo para o século XXI” era algo máis que unha consigna valeira de contido

C.Dafonte

Posted by at 22:33:32 | Permalink | No Comments »