Thursday, June 25, 2009

ELECCIÓNS EUROPEAS: A CLASE OBREIRA TEN QUE CONSTRUIR O SEU PROXECTO

Roberto Laxe

Máis alo da alternancia e a vitoria da direita burguesa fronte a social democracia burguesa, o que fica bem claro nos resultados das eleccions europeas é que non existe unha alternativa social ao proxecto social burguês, de unidade europea no eido econômico, e baixo o mando da burguesia imperialista franco alemã.

 

A abstencion, o consuelo dos parvos

 

Din um refran que “mal de moitos, consuelo de parvos”. Por elo, non podemos escudarnos na abstencion fronte ás eleccions, para afirmar que demostra que a xente, que a clase obreira, “pasa” da Unión Europea, como se isto, a despolitizacion, fose um feito progresivo.

Resulta inaudito que aqueles que tiñan que forzar a maquina da critica da Union Burguesa que é a UE, que tiñan que forzar a maquina contra esse proxecto imperialista que é a Union Europea, fomentan xusto o contrario, e vem como progresivo o que é so a expresion da ideoloxia nacionalista pequeno burguesa nas masas obreiras. Cando o seu obxectivo tiña que ser o de desnudar o verdadeiro caracter a UE, e os estados que a compoñen.

Neste sentido Iniciativa Internacionalista cumpriu perfeitamente este papel, deixou ao goberno español e o rexime autoritario como o que son, inimigos das liberdades democráticas, que só entenden de represion fronte a unha proposta democrática e de clase.

Mas, os obreiros e as obreiras, porque é a clase traballadora a que abstense nestas eleccions, non vem á UE como o que é…, o acordo central, estratexico, das burguesias europeas para aumentar a súa explotacion, contra o que teñen que opor non unha suma de proxectos nacionais, senon um alternativa social, verdadeiramente internacionalista e de clase, baixo o “manto” dos Estados Unidos Socialistas de Europa. E nisto, mais alo das frases rituais sobre a UE, ninguém profundizou na súa denuncia e na explicacion do seu caracter burgués e imperialista.

 

A UE é um proxecto burguês que non fracassou

 

A burguesia imperialista europea, cando constituiu a Confederacion do Aceiro e o Carbon, cando o Tratado de Roma e cando o Tratado de Maastricht, non tiña outra intencion que a de coordinar as políticas econômicas e monetárias. Non entraba no seu proxecto a unidade política e social de Europa, pois era evidente que a gran tarefa da constitucion dun Estado nacional europeo chegaba tarde á súa cita côa historia.

E isso é o que é Europa, um acordo para centralizar a economia - coa conseguinte renuncia a elementos centrais das políticas dos estados no eido monetário e econômico, deixandoos como o dicia Engels, num aparello represivo-, a traves do control da política monteria e a liberalizacion dos movimentos de capitais.

Esto é Europa, e isto EXISTE e toma decisions. O 60% da lexislacion dos estados vem marcada pólas directivas europeas, em todos os temas, desde a xornada laboral, ou non recordamos às 65 horas, os servizos e nas relacions laborais, a directiva Bolkestein, que esta a xerar moitos problemas ao impor o principio do lugar de orixe das relacions nas empresas, as cotas de pesca, que levan ao desguace a centos de barcos, côa conseguiente deslocalizacion, e as cotas do leite, que xeran o peche de moitas explotacions gandeiras.

Tudo isto é decidido em Bruxelas, non em Madrid nin nas capitais europeas. E a esquerda, sobre todo a chamada “extrema”, sigue ollando para outro lado, como se isso non fora côas clases obreiras “nacionais”.

A burguésia avanza nas eleccions europeas porque si tem um proxecto europeo, expresado nunha políticas comuns e nun partido o PPE, fronte a clase obreira que esta absolutamente desarmada. O proxecto da burguesia imperialista europea non fracassou, ao contrario, vai de triunfo em triunfo… co aval de umha esquerda que non vê mais alo das súas fronteiras nacionais.

 

A tarefa, construir esse referente

 

A esquerda obreira, comunista, perdeu o referente internacional cando foi disolta a III Internacional, e os PCs ficaron atados á política de pactos sociais, de compromiso histórico, de esquerda plural côas respectivas burguesias nacionais. Mentras a burguesia desenvolviase cunha “conciencia” internacional, e um centro de poder claro, os USA, o proletariado, as súas organizacions maioritarias andaban o camiño contrario.

A queda do Muro de Berlin e a restauracion do capitalismo nos estados obreiros, ainda que significou o derrube do estalinismo, responsabel da disolucion da III e da deriva nacional dos PCs, non favoreceu o desenvolvimento da loita internacional da clase obreira. O stalinismo asociabase a “internacionalista proletário”, que foi a palabra de orde para manter na URSS unha cárcere de pobos, e para disciplinar a todos os partidos comunistas aos interesses da “patria socialista”, é dicer, da burocracia da URSS.

Obviamente a reaccion, a lei do pendulo, foi o incremento do nacionalismo, também nas fileiras do proletariado, ou no mellor dos casos o refuxio en alternativas “antiglobalizacion” ou as loitas das nazons oprimidas nos estados plurinacionais.

A reconstruccion do referente internacional de clase obreira ten que partir, inexorablemente, desta realidade. E candidaturas como Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos son parte importante do proceso, pois reagrupan a sectores do activismo, nunha mistura variopinta de militantes obreiros, ecoloxistas, independentistas, feministas, etc., mas sen unha vertebracion clara de clase.

A tarefa é darlle un contido internacionalista de clase, que supere a mera suma de nazions oprimidas. E para iso é imprescindible fortalecimento das correntes marxistas, pois no proximo periodo, as presions da unidade pola unidade, do eclecticismo no teorico e no programático, van ser moi fortes, e isso desvia o camiño da construccion do referente político da clase obreira, cara a estruturas interclasistas.

 

Galiza, 22 de xuño de 2009

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Posted by at 21:19:08 | Permalink | No Comments »

Monday, August 25, 2008

O NON IRLANDÉS E ALGUNHA CONSIDERACIÓN SOBRE A CONSTRUCCIÓN EUROPEA

Carlos Dafonte

O “non” maioritario dado polo pobo de Irlanda no referendo sobre o Tratado de Lisboa, abriu toda unha serie de reflexións nos medios de comunicación, entre diferentes persoas relacionadas coa política e foi tamén motivo de discusión e debate entre as xentes do común preocupadas polo xeito en que se esta a levar a construción da Unión Europea.

En primeiro lugar hai que dicir que na lóxica da súa construción, este “non” debe paralizar o proceso de ratificación do Tratado; é o acordado, é o democrático, pero parece que o acordado diante deste atranco imprevisto, agora xa non vale e deste xeito si antes a construción europea era un proceso marcado pola falla de democracia, a partires de agora se convirte nun “cambalache” no que todo vale, con tal de acada-lo obxectivo final establecido polos intereses económicos dominantes.

Tamén é grave que ó calor da postura do pobo irlandés, téntese desacreditar, por parte dalgúns sectores políticos que se consideran á esquerda, as razóns que levaron a ese non: que se hai unha grande influenza no mesmo da administración dos EEUU, se esta en consonancia coa súa posición reaccionaria a favor da pena de morte e contra do aborto, etc. Descoñezo as razóns que levaron a unha maioría do pobo irlandés a votar non, pero o xuízo de intencións paréceme denigrante e “postura de mal perdedor”. Cando o que verdadeiramente debían reivindicar estes sectores era a celebración de referendos en todos os países e non ratifica-lo Tratado de Lisboa dun xeito clandestino e de costas ós pobos, como se esta a facer.

Pero hai un feito ineludible que é necesario plantear para entender ben o que é a Unión Europea; os primeiros organismos unitarios nacen non como resultado do pensamento de seres excepcionais, cunha visión particular do que debe ser un continente gobernado democraticamente, con respecto ás diferentes culturas, nacións sen estado,etc, que é o que nos queren facer cree-los propagandistas da Europa do capital, sobre os homes e mulleres que sentaron os alicerces da actual Unión, ós que moitas veces chaman “visionarios”, senón que a actual UE nace como resultado das posicións de personaxes como Wiston Churchill que xa expón no ano 1946, en Zurich, como resultado da consolidación da URSS, dos avances dos partidos comunistas en numerosos países europeos, gobernaban en coalición en Italia, Francia, Bélxica e Dinamarca, a necesidade de tentar buscar unha saída dialogada para as contradicións intercapitalistas europea, que dende principios do século dirimíanse por medios pouco pacíficos: dúas guerras en 25 anos. Agora, de continuar por ese camiño, as burguesías podían ser desprazadas do poder polo movemento obreiro maioritariamente influído polo comunismo. A segunda grande idea de Churchill foi a necesidade de establecer un “pano de aceiro” para evitar que o comunismo seguira avanzando por Europa occidental; como resposta lóxica a este postulado prodúcese a intervención imperialista en Grecia que fora liberada dos nazis polas guerrillas de tendencia comunista e a expulsión dos partidos comunistas dos gobernos da Europa capitalista.

É pois, a necesidade de buscar solucións pacíficas ás contradicións intercapitalistas, as que levan a aparición da Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro; a defensa do capitalismo por enriba de todo.

Na etapa de expansión económica que vai dende o final da Iiª Guerra Mundial ata finais dos anos sesenta, poucos pasos se deron na construción europea. Acelérase o proceso ó entrar nunha etapa recesiva a nivel económico e cando as contradicións entre as burguesías nacionais vólvense poñer en evidencia; e sobre todo despois da desaparición da URSS, da restauración capitalista no leste de Europa, e a perda de forza da esquerda na Europa occidental ata, podemos aseverar, a súa desaparición. Pero que a esquerda tradicional europea se atope hoxe en bancarrota, refírome fundamentalmente ós partidos comunistas e algúns socialistas que non se reconverteron ó neoliberalismo, non indica que non haxa unha parte dos cidadás europeos que manteñen posicións da esquerda tradicional e outra que mantén posicións que podemos definir como “anti- globalización neoliberal”, aínda que non apareza con claridade unha alternativa ó sistema capitalista.

Estamos pois nun proceso pulado pola burguesía imperialista europea que aproveita a febleza do pensamento e da organización da xente da esquerda, para aceleralo e impoñer unha construción da Unión Europea antidemocrática, que é o propio do capitalismo, e que sexa un instrumento ó servizo dos seus intereses económicos, nestes etapa de crise, que abre de novo un período de contradicións entre os diferentes sectores da burguesía a nivel mundial. Un modelo excluente da maior parte da poboación.

E nesta perspectiva é importante subliñar tamén, que a construción da UE atopa importantes atrancos por parte dos EEUU de Norteamérica, que utiliza a fondo o seu instrumento máis eficaz, a OTAN, para materializar esta política: guerra de Iugoslavia, ingreso de países da Europa do leste antes da súa incorporación á Unión Europea, enfrontamento con Rusia, asentando mísiles en Polonia e a república Checa o que dificulta as relacións coa Unión nunha cuestión vital como é o subministro de petróleo e gas, etc.

Nestas circunstancias, inclusive entre sectores que se consideran da esquerda, pode medrar a opinión de que o importante é que a Unión se consolide, a calquera prezo, que xa chegarán tempos mellores nos que se poidan introducir modificacións fondas no que hoxe se aprobe. Están cegos os que así pensan, e o que nos indican é que deixaron de ser esquerda; apostan pola consolidación do modelo capitalista máis depredador, antidemocrático e agresivo, só superado polo fascismo e o nazismo.

En Galicia no mes de agosto de 2008

Posted by at 10:33:52 | Permalink | No Comments »

Thursday, August 23, 2007

UN NOVO PULO NEOLIBERAL PARA SEGUIR CONSTRUINDO UNHA EUROPA CONTRA D@S TRABALLADOR@S

Como derradeiro acto da presidencia alemá da U.E., celebrouse a finais de xuño a Conferencia de Xefes de Estado e de Goberno, co único obxectivo de salvar o que se puidese do naufraxio do Tratado Constitucional, despois do NON holandés e francés. A estas negativas hai que engadir, “sen data de caducidade”, a conxelación das consultas ou aprobación parlamentaria, en outros nove países membros.

A estas circunstancias de dificultade para aprobar o Tratado Constitucional, engádese que a devandita xuntanza celébrase nun momento de “sálvese o que poida” como resultado dun panorama económico difícil, coas grandes locomotoras económicas europeas, Alemaña, Francia, Italia e Reino Unido, sen remonta-la recesión de comezos de século, e no horizonte os negros nubarróns da situación económica nos EEUU de Norteamérica.

O asunto a tratar era importante, pero a información como sempre cativa e moitas veces distorsionada. Teñen medo a que os pobos coñezan o que aproban. ¡É vergoñento que os políticos que representan a varios centos de millóns de europeos e atrévense acotío a dar leccións de democracia no mundo, actúen dun xeito tan escurantista! Sen información non hai democracia, e unha vez máis hai que denunciar o xeito en que as grandes multinacionais e os grandes emporios económicos tentan construír Europa valéndose da axuda cómplice de a quen os cidadáns votan. Ponse cada día máis en evidencia a imposibilidade de harmonizar democracia con neoliberalismo e que a política exterior reflicte a que se practica no interior de cada estado. A unha política exterior autoritaria, antidemocrática, violenta e agresiva co resto dos pobos, corresponde unha política interior do mesmo carácter, aínda que a interior sempre vaia nos seus contidos uns pasos por detrás.

Diante das críticas recibidas pola presidencia por esta actuación, a señora Merkel saíu publicamente a defenderse e comparou o sucedido, coa falla de transparencia e información de 1957 cando se firmou o Tratado de Roma; como se esa constatación fora un argumento de peso; hai que saca-la conclusión que o sistema democrático burgués en cinco ducias de anos non avanzou nada.¡¡ Pensamos que foi tempo suficiente para que a saúde da democracia tivera mellorado!!.

Sábese que se reduciu o número de artigos de máis de catrocentos a poucos máis de setenta e que os debates centráronse en cuestións que podemos chamar “técnicas”, que non digo que non teñan importancia, pero que para a grande maioría d@s traballador@s, o núcleo fundamental d@s cidad@s da U.E. a 27, non as podemos considerar prioritarias: se vamos ter ou non un himno e unha bandeira, se vai haber un persoeiro que se chame ministro de exteriores, se nas votacións a maioría de bloqueo das decisións, vai ter en conta o número de habitantes de cada estado, etc..

Estes son os temas que transcenderon da xuntanza de finais de xuño e das realizadas con anterioridade preparatorias da mesma, as que ocuparon algúns espazos nos medios de comunicación; pero do substancial do Tratado Constitucional, daquelas partes que se poden considerar decisivas para inclinarte por un si ou un non, volveu suceder como na campaña do referendum, que PSOE e PP e polo tanto as empresas mediáticas que os apoian, non teñen intención de informar, de debater e polo tanto, de dar unha explicación ó chaman “pobo soberano” de como vai quedar definitivamente o antigo Tratado Constitucional.

Debo facer unha lembranza dos elementos máis salientables do mesmo. Todo el, e por iso o PP e PSOE chamaron a votalo afirmativamente, respondía como xa dixemos ós intereses dos grandes emporios capitalistas europeos e recollía, polo tanto, os elementos definitorios, os máis salientables, das políticas chamadas neoliberais que estes dous partidos aplican desde o goberno e apoian dende a oposición. Políticas que no estado español tiveron como resposta varias folgas xerais.

Un dos seus obxectivos era garanti-lo mercado, situación que chegaba a límites traxicómicos cando establecía que tamén debía respectarse en tempos de guerra, situación, non debemos esquecer, na que os capitalistas fan importantes negocios. Establecía a circulación ceibe de capitais, a supresión das axudas públicas o que levaría a desaparición dos servizos públicos; fálase de “servizos económicos de interese xeral” que deben cumpli-las normas da competencia e os “principios económicos xerais”. A bo entendedor sobran as verbas.

Outros dous elementos eran, a obsesión por poñer fin o déficit público e a estabilidade dos prezos, o que traducido á linguaxe vulgar significa redución dos gastos sociais e moderación salarial.

O Banco Central Europeo fica ó marxe de calquera control político o que ten como consecuencia a imposibilidade da loita contra do fraude fiscal das grandes empresas e por unha fiscalidade progresista sobre a circulación de capitais.

Había toda unha serie de aspectos no Tratado Constitucional que eran unha agresión @s traballador@s. Non garantindo o dereito o traballo como se expresa, por exemplo, na constitución española; nin prestacións por desemprego, nin xornada laboral máxima, nin a idade mínima para traballar. Establecía pola contra que non habería “harmonización algunha nas disposicións legais e regulamentarias dos estados membros”, é dicir, o mercado laboral da UE rexeríase por unha especie de “lei da selva” que entre outras consecuencias fomenta a deslocalización de empresas, pois buscarán e se lles permitirá, trasladarse a aqueles países que garantan menores salarios e dereitos sindicais e unha máis feble lexislación en defensa do medio ambiente.

Non establecía nin o dereito á folga nin á negociación colectiva a nivel da UE, furtándolles @s traballador@s a súa mellor arma de presión, mentres favorecese a desestruturación do mercado de traballo e a precarización. Pero si aceptaba o peche patronal.

E por enriba deste panorama planeaba daquela e o segue a facer, a chamada directiva Bolkestein, que establece como principio para aplicación das leis laborais “o país de orixe”; e dicir unha empresa polaca ou letona que traballe no estado español aplica a súa lexislación laboral. Do mesmo xeito que unha empresa do estado español que se asente en Polonia ou Letonia, que cambia o seu domicilio, tamén pode aplica-las leis laborais deses países no estado español.

Nas cuestións de política exterior, avanzábase cara a construción dunha Unión Europea imperialista, militarista e agresiva, subordinada á OTAN e polo tanto ós EEUU de Norteamérica, con independencia das contradicións interimperialistas que poidan xurdir.

Un Tratado que establece a utilización de medios militares para “previr conflitos” e dicir, a teoría da “guerra preventiva” que aplica o presidente Bush e que xa aplicaron os nazis nos anos 30 do século pasado e que foi condenada expresamente no xuízo de Núremberg; o respecto ás obrigas derivadas a pertenza a OTAN e o obxectivo para todos os estados membros de “mellorar progresivamente as súas capacidades militares”; circunstancia esta última que en caso de non cumprir algún estado, establécese a posibilidade de sanción.

Estaba tamén a chamada carta de dereitos sociais, que agora suprímese, e aínda que non tiña efecto algún, pois o propio Tratado Constitucional deixaba claro que non era vinculante, serviulles as direccións burocratizadas e neoliberais de numerosos sindicatos europeos, entre eles os dous maioritarios do estado español, pera pedir o si nos referendum, facendo bloque coas patronais. Diante da desaparición desta carta de dereitos, ¿modificarán os sindicatos as súas posicións?. Creo que é un deber de todos @s afiliad@s sindicais levar a discusión ó interior da organización e esixirlles unha modificación da súa posición.

Por último algunhas consideracións tamén moi importantes sobre o Tratado Constitucional; non garante a igualdade entre muller e home, fala de fomentar esta igualdade, pero o papel dunha constitución é garantir; non dicía nin verba sobre o dereito ó divorcio e ó aborto, o cal é moi grave tratándose dun texto que debe, como xa dixemos, garantir dereitos e liberdades. Tampouco se recoñece o dereito de autodeterminación dos pobos sen estado.

Como vemos, e só destaquei algúns aspectos, o chamado Tratado Constitucional Europeo é un documento de moito calado respecto ós dereitos políticos, sociais, liberdades, economía, papel das institucións etc., do que se vai configurando como a U.E.; por iso é inaceptable que as modificacións, seguro que para peor, introducidas no mes de xuño pasado, non reciban unha resposta, cando menos solicitando información a fondo por parte de organizacións políticas, sindicais e os sectores cidadás que pediron o non o 20 de febreiro de 2005.

Na axenda da modificación do Tratado aínda hai prazos e xuntanzas, ata o mes de decembro, para concretar o aprobado en xuño; espero que a esquerda do estado leve adiante as accións necesarias para tentar corrixir o déficit informativo e gañar apoio para a construción dunha Europa ó servizo dos pobos e d@s traballador@s.

Galicia no mes de agosto de 2007

Carlos Dafonte

Posted by at 21:38:54 | Permalink | No Comments »